O Concello de Cervo vén de dixitalizar o proceso de reservas das dúas pistas de pádel municipais situadas no complexo deportivo da Veiga.
Así, as persoas interesadas xa poden acceder ao espazo de reservas de Espazos Deportivos https://reservas.concellodecervo.com/, crear o seu usuario, e seleccionar o día e a franxa horaria que mellor se adapte ás súas circunstancias. Unha vez realizado o pago da pista recibirán un correo eléctrónico que acredita dita reserva.
Unha vez realizado o trámite, as chaves da instalación estarán a disposición das persoas usuarias na piscina municipal en horario de 10:30 a 13:30 horas, de luns a venres; e de 10:30 a 13:30 horas, os sábados (durante o verán). Un horario que se amplía no inverno sendo de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas (de luns a venres) e de 9:00 a 13:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas, os sábados.
Tal e como explicaron o rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Deportes David Rodríguez, “levamos meses traballando para poder ofrecer este servizo ás persoas usuarias destas instalacións municipais que temos na Veiga, co obxectivo de axilizar o proceso de reserva, e simplificar o procedemento” –xa que ata o de agora as persoas usuarias debía achegarse ata o Concello de xeito presencial para facer o trámite-.
Esta aplicación –explican- “permite dar un novo salto de calidade ás nosas instalacións, tendo en conta tamén o recente investimento que fixemos nas propias pistas de pádel”. Unha actuación que consistiu en cubrir a pista que carecía de protección; e pecháronse as dúas lateralmente a partir dunha altura de 2,45 metros, “co que as condicións de xogo melloraron substancialmente, podendo utilizar as pistas sexa cal sexa a situación meteorolóxica”.