O Concello de Mondoñedo crea na Fonte Vella un museo sobre traídas de auga, que amosará sistemas de canalización do século XVIII ao XXI.

O Concello de Mondoñedo pon en marcha a creación dun museo sobre as traídas de augas de Mondoñedo dentro do espazo da Fonte Vella, amosando sistemas de canalización dende o século XVIII ao XXI. O centro de interpretación ofrecerá tanto obxectos coma descricións e informacións relacionadas coas traídas de auga a Mondoñedo.

O novo centro de interpretación de Mondoñedo situarase no espazo interior de bóveda de canón onde se localizan as captacións de auga da Fonte Vella, sen que afecte ás captacións internas que na actualidade están canalizadas.

Entre os elementos que se poderán ver neste museo atópase un cano de pedra de finais do século XVIII que formaba parte da traída de abastecemento de auga do pazo episcopal e continuaba ata a praza do Seminario. Tamén un exemplo de tubo de cerámica usado nos séculos XVIII e XIX para a canalización de augas de uso público e privado dende os mananciais ás fontes da cidade e outros edificios de Mondoñedo; pezas de ferro da traída de auga de Mondoñedo de comezos do século XX e as actuais de PVC actuais que van substituíndo ás vellas de ferro.

O centro de interpretación ofrecerá información sobre fontes, sistemas de captación e canalización -tanto en tubo aberto coma en tubo pechado- de mananciais que se desenvolveron no século XVIII coincidindo co maior crecemento urbanístico de Mondoñedo para dar servizo a puntos importantes da vila.

A Fonte Vella
A Fonte Vella é un dos monumentos máis emblemáticos de Mondoñedo que data da Idade Moderna cando se cambia de modo de balsa a fonte de catro canos para ofrecer un mellor servizo. O seu aspecto actual débese a unha restauración que rematou nos anos 90 do século XX. 

Situada nas inmediacións da Catedral e ao pé do Camiño Norte a Santiago, foi o principal abastecemento de auga da cidade ata comezos do século XX. É por iso polo que foi elixido este lugar para o emprazamento do museo que, ademais, estará ao pé da Rúa da Fonte, lugar onde se recuperaron uns canos do século XVIII, en pedra de granito, que son parte dos elementos que se van a colocar dentro do espazo expositivo.

Visitas
O sistema de visitas a este espazo será libre de martes a domingo en horario de dez da mañá a sete da tarde, coincidindo coas horas de apertura e peche da Oficina de Turismo de Mondoñedo; xa que tanto pezas, como paneis e iluminación están preparados para que se podan facer visitas libres con toda seguridade tanto para as persoas que o visiten como para os obxectos que contén no seu interior.