Mañá xoves, 5 de agosto, ás 20:30 horas, chega a Mondoñedo a música en directo de Sito Sedes e a Garufa Blue Devils Big Band, que interpretará un repertorio que se nutre dos grandes clásicos do swing sen perder de vista a música afrocubana dos anos 30 e 40, o cine e o cabaret. O concerto será na Praza da Catedral.
Dirixida polo maestro Roberto Somoza (clarinete, frauta e arranxos) e orixinaria da Coruña, a Garufa Blue Devils Big Band está formada por un total de 18 músicos (cinco saxos, catro trompetas, catro trombóns, batería e percusión, piano, guitarra e contrabaixo) e catro voces solistas.
O concerto de Mondoñedo, patrocinado por Turismo de Galicia, contará ademais coa presenza do mítico cantante de Los Satélites e unha das lendas da canción en Galicia, Sito Sedes, que tomará o micro xunto cos catro cantantes habituais da big band: Bea García, Gabi Triana, Paula Pérez e Mery Lafuente. Os vocalistas despregarán unha variedade de estilos que abranguen dende clásicos do swing ata temas máis líricos.
Garufa Blue Devils Big Band
Garufa Blue Devils Big Band xorde a mediados do mes de outubro de 2014 ao abrigo do Garufa Club da Coruña, de forma similar ao que facían as grandes e históricas bandas das décadas dos anos 30 e 40 do século pasado.
Ata o momento, a Garufa Blue Devils Big Band ten publicado un total de cinco discos:
- Barrel House (2015).
- That’s Life (2016).
- Runnin’ Wild (2017).
- Siboney (2019), en colaboración con Sito Sedes.
- Hello Dolly (2019).
Actualmente a banda traballa na publicación dun sexto traballo.