O Concello de Cervo acondicionou unha parte das Escolas Vellas de San Román para destinalas a lugar de ensaio das diferentes agrupación locais.
O primeiro grupo que utilizará as instalacións, que están dispoñibles para todos os colectivos locais que as soliciten, será a asociación de recente creación Fol de Raxal, cuxos membros xa teñen á súa disposición a chave dun dos locais habilitados para ensaio dos colectivos culturais cervenses que o desexen.
O rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e a de Servizos Sociais, Pilar Armada, achégaronse ata as Escolas Vellas para amosarlles as instalacións e cederlles o local ao tempo que aproveitaron para darlles os parabéns polo nacemento de Fol do Raxal - cuxo nome responde a unha homenaxe ao barrio cervense no que comezaron a reunirse- e amosáronlles o agradecemento no nome do Concello pola súa contribución ao enriquecemento cultural de Cervo; “estamos desexando poder escoitarvos nalgunha das habituais foliadas que se celebran no municipio que estamos convencidos de que máis cedo que tarde se poderán ir retomando grazas á responsabilidade e ao esforzo conxunto”, apuntaron.
Co acondicionamento das Escolas Vellas de Cervo–explicaron- acadamos un dobre obxectivo “brindarlle aos diferentes colectivos un espazo adecuado para o desenvolvemento da súa actividade; ao tempo que lle damos unha nova vida a este edificio municipal tan emblemático con máis dun século de historia”.
A adecuación da vella escola de San Román -inaugurada no ano 1915- vai en consonancia coa filosofía que persegue este equipo de goberno, “pois buscamos, na medida do posible, que os diferentes espazos municipais teñan a súa utilidade, poñéndoos, ao servizo da veciñanza; ben de persoas emprendedoras como no caso dos locais habilitados en Sargadelos que conforman o Centro de Emprendemento; ben ao servizo de diferentes colectivos, como neste caso, que buscamos facilitar a actividade do tecido cultural local”.