A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e coa colaboración co Concello de Mondoñedo, inaugura a exposición Os Camiños de Carlos Casares o 15 de maio ás 12.00 do mediodía no Pazo de San Tomé, sito na rúa Julia Pardo Montenegro nº 13 de Mondoñedo.
A exposición, que está destinada a todos os públicos, permanecerá aberta ata o día 30 de maio, de luns a venres en horario de 9 a 15 horas. Recolle 40 fotografías de Xurxo Lobato inspiradas en textos de Carlos Casares sobre o Camiño de Santiago e, de modo máis amplo, sobre a experiencia da viaxe.
Xurxo Lobato é membro da Academia Galega de Belas Artes, premio Artes Plásticas Cultura Galega 2020, e premio Ortega y Gasset de El País, 2003.
As citas e textos informativos poderán seguirse en castelán e inglés, ademais de en galego, mediante un código QR. Do mesmo xeito o visitante terá a posibilidade de acceder ao audio da reprodución automática de textos e descargar o folleto e o cartel oficial da exposición no sitio web da mostra.