O Concello de Cervo vén de convocar o XI concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2021”.
Tal e como explica a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, “os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio”.
Deberanse presentar en formato dixital (JPEG), en alta calidade, a unha resolución mínima de 2.048 px. sen limitación de tamaño en MB; a través do correo medioambiente@concellodecervo.com.
O prazo para presentar as imaxes remata o 21 de maio ás 23:59 horas.
Hai tres premios establecidos. Un primeiro, un segundo, e o premio “Top Cervo” á mellor fotografía na que se identifique claramente unha paraxe deste Concello; dotados todos eles con figuras de Cerámica de Sargadelos.
O fallo do xurado, composto por tres membros competentes na materia que votarán de xeito telemático, farase público o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
Méndez anima a todos os amantes da fotografía e da natureza a “que participen e nos fagan chegar as súas instantáneas, co fin de concienciar no respecto ambiental; ao tempo que nos permiten coñecer o seu traballo, de gran calidade sempre, e descubrir lugares e situacións únicas captadas desde a súa óptica”.