O Concello de Cervo vén de reforzar a información turística, medioambiental e histórica de Sargadelos coa instalación de diferentes paneis adaptados ao espazo nos que se recolle toda a información precisa para descubrir esta contorna excepcional do municipio.
O rexedor, Alfonso Villares, o edil de Turismo, David Rodríguez, e a concelleira de Medio Ambiente Mali Méndez, achegáronse este mediodía ata a zona para ver o resultado dos traballos que consistiron na instalación de novos carteis deseñados pola propia área de Turismo nos que se identifican cada un dos elementos que compoñen o Conxunto -en tres idiomas galego, castelán e inglés-: o edificio das antigas cabalerizas e a antiga nave de fundición, que hoxe albergan o Centro de Emprendemento e Artesanía; o Paseo dos Namorados, os Antigos Fornos, a senda botánica...; para que as persoas visitantes poidan situarse na contorna e aproveitar ao máximo a súa estancia en Sargadelos.
En concreto, instaláronse dous paneis grandes con información histórica e un mapa da zona; ademais de sinalización vertical respectuosa co medio; e unha trintena de paneis que a persoa visitante pode atopar ao percorrer a Senda Botánica do Monte da Escarabelada; un camiño de aproximadamente un quilómetro poboado con especies autóctonas.
Tamén se colocou un cartel informativo sobre o valor ornitolóxico da contorna, instaláronse 4 caixas niño no percorrido e procedeuse ao lixado, pulido e vernizado do mobiliario –traballos que terán continuidade nos vindeiros días- para desfrute da veciñanza coa chegada agora do bo tempo e dos días festivos.
Desde a Administración local destacaron tamén o valor didáctico dos traballos que se fixeron e animan a desfrutar de Sargadelos “como un espazo único ao aire libre para gozar en familia e entre amigos sempre seguindo todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19 e respectando a contorna”.