O Concello de Foz organiza un ciclo de teatro infantil que se desenvolverá desde mañá, martes, ata o 25 de agosto no pavillón do colexio Número 1. Foi presentado esta tarde polo alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Cultura, Héctor Moris.
Os espectáculos serán todos ás 21.00 horas e con entrada gratuíta. Haberá limitación de aforo e será obrigatorio a asistencia con mascarillas.
Fran Cajoto explicou que “este ano 2020 é un verán un pouco distinto porque temos que aprender a utilizar a mascarilla, andar con sentidiño en todos os ámbitos da vida e usar ese distanciamento social. Pero non nos podemos esquecer da cultura e en Foz gústanos moito que, tanto para os veciños como para os visitantes, en tempada de verán haxa actividades que fagan aínda máis atractiva a vila e sexan unha escusa perfecta para gozar de Foz. Nese sentido queremos presentar este ciclo de teatro, que é unha das apostas habituais en verán e que vai ser todos os martes ás nove da noite no pavillón do colexio Número 1. Comeza este martes, día 21, coa compañía Magín Blanco e a obra A nena e o grilo máis alo. Son distintas compañías que van actuar en Foz ata o 25 de agosto. Está moi enfocado aos nenos para que poidan desfrutar desas obras e que nos evadan un pouquiño da realidade e nos fagan pensar en mundos que hai máis aló. Tedes aquí unha cita para vir a Foz”.
As compañías son todas profesionais galegas excepto a do martes 18 de agosto, cando actuará a única amater, que é o grupo de teatro infantil de A Adala, de Fazouro.
Mañá, martes, comeza o ciclo cun espectáculo teatral musical para toda a familia con Magín Blanco: A nena e o grilo máis alo. Talía Teatro, con Boa Voa!, estará o martes 28 de xullo. En agosto, o luns 3 actuará Caramuxo Teatro, con Pavillón Lino, e o martes 4 Redrum Teatro Contos do Recreo. O martes 11 Producións Teatrais Excéntricas ofrecerá Cartoóns e o martes 18 o grupo infantil de Teatro A Adala poñerá en escena a obra Dragón e Cabaleiro. Pechará o ciclo a maxia de Cayetano Lledó.
O presuposto total desta actividade ascende a 14.000 euros e está subvencionado polo AGADIC, dentro da Rede de Teatros e Auditorios da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e o Concello de Foz.