A Concellaría de Medio Ambiente anuncia que desde mañá estarán abertos cinco parques de xogos infantís da vila. Son os de San Francisco, o de San Miguel, o do Cargadoiro, o da Escola de Idiomas e o de Pintor Fierros. En todos haberá hidroxeles para a desinfección de mans e carteis explicativos coas recomendacións que se deben ter en conta. O Concello irá procedendo á apertura paulatina do resto de parques que hai en Ribadeo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, contou que “o Concello de Ribadeo vai empezar paulatinamente a abrir os parques de xogo para os nenos e nenas da vila, esta fin de semana, a partir de mañá, sábado”.
O edil explicou que “imos empezar polo da rúa San Francisco, que é o de máis afluencia, despois o parque de San Miguel, o do Cargadeiro, o da Escola de Idiomas e máis o de Pintor Fierros. Son os cinco que de momento imos ir abrindo paulatinamente”.
Díaz Freije engadiu que “todo isto conleva unhas medidas de seguridade diferentes, unhas recomendacións de distanciamento, que habitualmente xa estamos a facer co Covid-19. É a nova normalidade a que nos marca estas medidas de prevención. Será necesario o uso de mascarilla cando non se poida manter a distancia social, haberá que respectar o aforo permitido e ter moi presente a hixiene de mans. Cada parque vai contar con dispensador de hidroxel”.
O concelleiro de Medio Ambiente fixo unha chamada á responsabilidade “de cada un e de cada unha porque somos responsables de nós e somos os primeiros que temos que ter seguridade cara ao outro”.
Jorge Díaz sinalou que “iremos abrindo paulatinamente todos os parques coas medidas que nos aconsella Sanidade. Pedimos prudencia, seguridade, manter esa distancia e que os pequenos e pequenas xoguen, pero seguros”.