Nordés crea unha rede de conversas telefónicas para facer compañía a aquelas persoas que pasen a corentena soas no Vicedo, en Mañón e en Ortigueira.

Nordés quere ser unha illa, como aquelas que cada día descubría Carvalho Calero no mar do mundo (“Futuro condicional”, 1982). E dende ela, tender pontes e ofrecer o seu apoio telefónico a aquelas persoas que están a pasar a corentena en solitario nos concellos do Vicedo, Mañón e Ortigueira. Desde Nordés explican que “por isto, creamos “parola(r)”, unha rede de conversas telefónicas. Se queres falar, ou coñeces a alguén que o precise, podémonos facer compañía dende as nosas casas”.

Persoas voluntarias de Nordés estarán ao outro lado da liña telefónica para botar unha parolada e dar compañía a quen decida chamar ao punto coordinador: 653756454 (Ricardo). Desde Nordés engaden que “ademais, comprométense a manter a confidencialidade dos contidos das conversas. Gustaríanos recalcar que as persoas voluntarias non son profesionais”.

As persoas interesas poden chamar ao seguinte número de teléfono: 653756454 (Ricardo) ou enviando un e-mail a asociación.nordes@gmail.com

Nordés queda na casa, aínda que non poidan facelo moitas das persoas nordesteiras que xunta outras son esenciais no funcionamento da nosa contorna a todos os niveis. “Dende aquí o noso apoio e a forza do nordés. Na casa tamén quedaron as actividades programadas para estos meses… Volveremos!. Mentras… Se podes, queda na casa”, engaden desde Nordés.