O Concello de Foz programa actividades para conmemorar o Mes da Muller este mércores 11 e tamén os días 18 e 25.
A concelleira de Igualdade, Milagros Louzán, explica que “o Concello de Foz vai celebrar durante o mes de marzo unha serie de actividades para conmemorar o Mes da Muller. O obxectivo de todos estes actos é poñer de relevancia o espazo que ocupan as mulleres na nosa sociedade. O enfoque que se desexa mostrar é plural: as mulleres podemos falar de feminismo, pero tamén de moitas outras cousas porque estamos presentes en todos os sectores. Non só queremos mostrar os atrancos cos que as mulleres nos atopamos senón tamén os logros que conseguimos”.
Milagros Louzán especifica que para tal fin realizaranse diversos actos ó longo do mes, todos eles na Casa da Cultura ás 20:00 horas:
• O mércores 11 de marzo a escritora Inma López Silva dará unha charla sobre o súa traxectoria e presentará o libro autobiográfico Chámame señora, pero trátame coma un señor.
• O mércores 18 de marzo proxectarase a curtametraxe Matria e posteriormente terá lugar unha mesa coloquio sobre o papel das mulleres no mundo do mar.
• O mércores 25 de marzo dúas policías locais do Concello de Foz falarán de diversos aspectos do seu traballo.