VIA Alfoz organiza a sexta edición da tradicional ofrenda floral na conmemoración do Día Internacional da Muller. O evento levarase a cabo o vindeiro domingo 8 de marzo ás 12:30 horas nas inmediacións do Castelo de Castro de Ouro, “estando convidados todos os veciños e veciñas que libremente queiran participar neste acto que se iniciou de forma espontánea en 2015” tal e como apuntan desde VIA Alfoz.
Efegenia Maseda, Presidenta de VIA Alfoz, será este ano a encargada de ler un manifesto enxalzando o enorme traballo das nosas mulleres, recordando que o evento realízase “coa intención de facer unha homenaxe a todas as mulleres en xeral e, sobre todo, a todas as mulleres de Alfoz, a aquelas que nos deixaron e que traballaron por este concello, e ás que están a loitar polo futuro do seu pobo onde queren poder seguir traballando”.
Posteriormente, depositaranse doce caraveis brancos no cruceiro do Castelo de Castro de Ouro, “a cor branca simboliza a paz e os doce os meses do ano, pois debemos honrar ás nosas mulleres tódolos días”, apunta Efigenia Maseda.