O auditorio municipal de Mondoñedo acollerá o próximo día 3 de decembro a proxección da obra de ficción Vida e do documental Máis ca vida, do actor e director galego Rubén Riós. As dúas obras, segundo os seus autores, son un exemplo da posibilidade de introducir na realidade audiovisual a persoas con discapacidade, mostrando que os estereotipos non teñen razón de ser.
O Concello de Mondoñedo, que preside Elena Candia (PP), recibirá pola mañá a Rubén Riós, que, seguidamente, participará nunha master classpara Emergal Ensino SL na cidade episcopal, dedicada aos alumnos do certificado de profesionalidade en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Á proxección no auditorio, ás 18.00 horas, está prevista a asistencia, ademais do director, do actor e actriz protagonistas, respectivamente, Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro. As dúas obras parten da idea inicial de gravar unha curtametraxe con persoas con discapacidade, pero, a medida que avanzaba o traballo, Rubén Riós deuse conta de que ía descubrindo a inmensidade do campo no que se mergullaba.