
Os Concertos ao Solpor no Eido Dourado en Barreiros, rematarán este domingo, 21 de agosto, coa actuación da última gañadora dos Premios Martín Códax de Música nas categorías de blues, funky e soul, Nastasia Zürcher.
Celso Dourado contou que “nos Concertos ao Solpor do Eido Dourado sempre o broche final o poñemos cunha personalidade dentro do campo da música que eu considero importante, e este ano imos pechalos con Nastasia Zürcher”.
O artista barreirense subliñou que “é unha xove cantante e compositora suizo-galega, nada en Xenebra, e forma parte dunha familia de grandes músicos. Múdase a Galicia onde forma parte de multitude de proxectos ata o inicio dunha fulgurante carreira en solitario. Podemos dicir dela que conxuga estilos de sonoridade nunha fusión tanto de soul como de jazz. Todo ilo interpretado cunha grande personalidade”.
O responsable do Eido Dourado salientou que “está sendo moi valorada e foi a última gañadora no 2016 do Premio Martín Códax de Música na categoría de blues, funky e soul. Unha voz realmente impresionante”.
Celso Dourado quere “invitar a todos a que asistan o vindeiro domingo, día 21, a partir das 22:00 horas nos xardíns do Eido Dourado porque realmente non vai decepcionar”.
Os xardíns do Eido Dourado acolleron esta serie de concertos que congregaron a moito público, Celso Dourado asegurou que “realmente quedáronse pequenos, estamos dandolle unha volta a isto porque as duascentas sillas máis ou menos que hai sempre se quedaron escasas, por exemplo no concerto de flamenco ou no último de danza era tanta a xente que alí estaba que temos que contemplar algunha posible ampliación ou modificar algunha parte do xardín para acoller a esta demanda que estamos a ter. Estamos moi satisfeitos”.
Celso Dourado salienta que “quero repetir que por detrás destes concertos soamente está a vontade do seu promotor, eu neste caso, e máis a dos propios músicos. Non recibimos apoio económico de ninguén nin subvencións de ninguén, é todo un traballo minucioso de cooperación entre os músicos e nós e claro que estamos moi satisfeitos”.