Lourenzá acollerá esta fin de semana os Días de Viños e Tapas. Ademais, o 20 e 21 de decembro, celebrarase o Mercado de Nadal no Mercado Gandeiro coa participación dunha trintena de postos.

Lourenzá acollerá esta fin de semana os Días de Viños e Tapas. Ademais, o 20 e 21 de decembro, celebrarase o Mercado de Nadal no Mercado Gandeiro coa participación dunha trintena de postos.

 

Lourenzá acollerá os Días de Viños e Tapas este fin de semana, concretamente o venres 12 e o sábado 13, e o Mercado de Nadal celebrarase no mercado gandeiro os días 20 e 21 cunha trintena de postos. Estes dous eventos están organizados pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) e contan coa colaboración do Concello de Lourenzá. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que "o Concello colabora, un ano máis, coa celebración do Mercado de Nadal que organiza a asociación de comerciantes locais o fin de semana dos días 20 e 21 deste mes de decembro. Será no mercado gandeiro e alí desde as 10 da mañá ata as 9 da noite poderán visitarse os distintos stands e participar nas diferentes actividades que ACIAL preparou para as xornadas. Durante estes dous días haberá inchables gratis para os nenos e o sábado ás 7 da tarde terá lugar unha exhibición de zumba infantil e ás 9 da noite celebrarase un sorteo dunha cesta entre todos aqueles que fagan compras ese día no mercado. Tamén se entregarán os premios do concurso de postais que organizou o Concello en colaboración coa asociación de comerciantes".

A rexedora municipal engadiu que "é unha boa ocasión para que poida visitar Lourenzá xente de fóra do noso concello e tamén para que os veciños do municipio poidan disfrutar de case todos os comercios que temos xuntos, nun único recinto. Ademais darase así o pistoletazo de saída a unhas datas tan sinaladas como son as do Nadal". A vicepresidenta de ACIAL, Marta Sánchez Seivane, especificou que no Mercado de Nadal haberá unha trintena de expositores, dos que a maioría son de Lourenzá pero tamén están inscritos dous de Ribadeo e un de Mondoñedo. Neles poñeranse á venda diversos produtos, como artesanía, roupa, calzado, mobles, alimentación e automoción. Ademais poderase comer polbo e churrasco a prezos populares. Os Días de Viños e Tapas serán este venres 12 pola noite e o sábado 13 ao mediodía e á noite en nove establecementos hostaleiros: La Unión, O Pipote, Galaxia, Cantón, Recanto, O Torreón, Morrigan, Trasgu e Airiños. As tapas venderanse a 1,50 euros e os participantes na ruta poderán entrar no sorteo dunha estadía dun fin de semana nun spa.