A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe o Centro de Formación Ocupacional de Viveiro e entregou os diplomas dos cursos incluídos no programa de Accións Formativas para Desempregados que se impartiron durante os últimos meses, nos que a Consellería de Traballo e Benestar investiu 283.000 euros.
Arias lembrou que xa está en marcha a programación de 2015, que de momento contempla para este centro tres cursos que comezan este mes: os de operacións de fontanería, calefacción e climatización doméstica; montaxe e reparación de sistemas microinformáticos, e mecanizado por arranque de labra. Tamén está adxudicado o curso de creación e xestión de microempresas, que se impartirá a partir de xullo.
A programación para o centro de Viveiro, que xestiona directamente a consellería, completarase nas vindeiras semanas e suporá un investimento superior aos 350.000 euros.
Igualmente, irase configurando a programación dos outros centros da consellería xunto coa que se deseña en colaboración con concellos, axentes sociais, empresas e outras entidades da provincia. Durante o pasado ano, as accións formativas para desempregados sufragadas pola Consellería de Traballo e Benestar beneficiaron a preto de 2.200 persoas, que participaron nos 145 cursos impartidos nos distintos municipios. A Xunta destinou a esta medida case 7,5 millóns de euros na provincia.
Polo que respecta ao centro de Viveiro, impartíronse en concreto cinco cursos: mecanizado por arranque de labra, de 638 horas de duración; montaxe e reparación de sistemas microinformáticos (510 horas); docencia da formación para o emprego (380); creación e xestión de microempresas (520 horas) e operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica (480 horas). Hoxe recibiron o preceptivo certificado 62 alumnos.
Este tipo de cursos, segundo explicou a delegada territorial, teñen como obxectivo a reciclaxe dos traballadores que se atopan desempregados para que, canto antes, poidan acadar a súa reinserción no mercado laboral. “É por esta razón pola que se fomentan accións formativas nos sectores que presentan unha maior capacidade para xerar emprego por conta allea ou autoemprego, e que cumpren ademais o fin de mellorar ou reorientar a cualificación profesional dos que participan nelas”, explicou.