En Ribadeo abriu as súas portas esta mañá o XII Mercado do Nadal, unha cita coa artesanía e co deseño, que se celebra na rúa Doutor Moreda. Conta coa participación de 25 expositores e permanecerá aberto ata a tarde do vindeiro luns, 8 de decembro. Paralelamente á ampla actividade comercial, o Mercado do Nadal contará cun variado programa de actos lúdicos, tanto para nenos coma para maiores. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, visitarán aos 25 artesáns participantes esta tarde a partir das 19 horas. Antes, ás 17:30 horas, a Asociación Amigos da Gaita de Ribadeo organizará un obradoiro de pandeiretas e baile galego con chocolatada, dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos. Posteriormente, a partir das 20:00 horas esta mesma asociación musical ofrecerá unha actuación de baile e música para tódolos públicos na rúa Doutor Moreda. As actividades continuarán mañá sábado coa apertura ás 12:00 horas do obradoiro creativo infantil Traballamos co macramé, a cargo da artesá Pilar Maravalla. Pola tarde os nenos poderán seguir gozando de actos infantís coa representación do espectáculo Clowntamination, a cargo do pallaso Rudi Dudi. Xa ás 20:30 horas o grupo Otus Scops presentará no Teatro de Ribadeo o seu novo vídeo clip.
O domingo as actividades lúdicas en torno a este XII Mercado do Nadal volverán comezar ás 12:00 horas coa celebración do obradoiro creativo infantil Traballamos co coiro, a cargo de Victoria Abuín. A este obradoiro sucederalle a actuación do grupo Alesancia das Anzas ás 12:30 horas. Ás 17:00 horas os títeres chegarán a rúa Doutor Moreda da man da compañía Títereficción, que interpretará o espectáculo Cantos contos contas. Xa ás 19:00 horas a Asociación Amigos da Gaita de Ribadeo volverá colaborar no Mercado de Nadal ofrecendo un novo obradoiro de pandeireta, canto e baile galego, nesta ocasión dirixido aos máis grandes. A xornada dominical rematará coa visita do actor Rafael Álvarez “El Brujo”, quen interpretará no Auditorio Hernán Naval ás 20:30 horas a obra O Lazarillo de Tormes. O luns, ás 17:00 horas, a Asociación de Axuda ao enfermo Mental A Mariña impartirá un obradoiro infantil sobre manualidades creativas de Nadal. Posteriormente, ás 19:30 horas, o Coro Infanto-Xuvenil do Colexio Sagrado Corazón actuará na rúa Doutor Moreda para poñer fin a este XII Mercado de Nadal. Durante os días de celebración do XII Mercado do Nadal terán lugar os II Encontros da Madeira na sala de exposicións do parque. E o domingo, 7 de decembro, a partir das 11 haberá unha mostra en vivo de talla e torno a cargo de Tito da Casa da Fraga de Xermade.