En agosto terá lugar o IV Estudio Aberto, que foi presentado hoxe. O Museo do Mar de San Cibrao será visitado por algúns dos artistas.

En agosto terá lugar o IV Estudio Aberto, que foi presentado hoxe. O Museo do Mar de San Cibrao será visitado por algúns dos artistas.
 
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta mañá na presentación do cuarto Estudio Aberto, a iniciativa de residencias artísticas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos que naceu no ano 2013 dentro do proxecto global ‘Enredarte’. Acompañaron a Outeiro no acto as coordinadoras destas residencias artísticas, Encarna Lago e Paula Cabaleiro, e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelio Balseiro.
Mario Outeiro explicou que esta cuarta edición volverá a levarse a cabo “durante o verán, desenvolvéndose as residencias artísticas desde o 31 de xullo ao 6 de agosto, concluíndo nunha exposición que se inaugurará o venres 7 e se prolongará ata o domingo 30 de agosto”, sinalou o responsable provincial de Cultura. 
Outeiro considera que “a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo consolida o seu compromiso coa creación artística ofrecéndolles un ano máis esta sala de exposicións e o resto de museos da Rede a artistas de diferentes disciplinas [pintura, escultura, debuxo, fotografía,…] procedentes de todo o mundo, para que durante unha semana a convertan nun estudio aberto, no que os artistas elixidos disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados”, comentou.  
Encarna Lago, unha das coordinadoras da iniciativa, comentou que poden concorrer a esta convocatoria todos os artistas que o desexen, sen exclusións por motivos de idade ou procedencia: “Cremos que é un dos poucos proxectos que existen no Estado español no que se pode participar, independentemente da xeración á que pertenzas. Hai que destacar o talante totalmente democrático, participativo e colaborativo que ten”. 
Pola súa banda, Paula Cabaleiro, sinalou que “este programa consta de oito prazas e trataremos de seleccionar un grupo heteroxéneo en canto a disciplinas: pintura, escritura, instalación, debuxo, fotografía e videocración”, afirmou. Logo de facer unha presentación inicial o primeiro día na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, “dous artistas saen para San Cibrao, ao Museo do Mar, dous a San Paio de Narla (Friol) e dous ao Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, quedando os outros dous no propio Pazo de San Marcos”, aclarou.
Cabaleiro explicou como se fará a selección dos residentes. “Os artistas enviarán as súas solicitudes e seleccionaremos por perfís, xa que o proxecto nace da experiencia persoal e intransferible que vai ter cada un en cada centro da Rede Museística Provincial. Volverán inspirados coas coleccións de cada museo e o seu contexto xeográfico e farán o seu traballo a partir desta experiencia. É unha maneira de incorporar o patrimonio, as coleccións e o entorno de todos os museos da Rede, algo que consideramos importante porque aproveitando que soen vir artistas de fóra, en anteriores edicións levámolos, por exemplo, ao Pazo de Tor e volveron abraiados”, relatou Paula Cabaleiro.  
Novidades desta edición
Finalmente, Encarna Lago incidiu “na riqueza que dá que traian a súa experiencia e a apliquen a un proxecto intercultural e interxeracional, que creo que é o que marca a diferenza con outras residencias, porque a maior parte destas iniciativas só apoian aos artistas emerxentes. Aquí conseguimos que haxa diálogo entre artistas noveis e veteranos e xente vida de distintos puntos do planeta, xa que o ano pasado, por exemplo, contamos cunha artista sueca, un arxentino e un uruguaio”, concluíu.
Datas e actividades paralelas
Os artistas seleccionados chegarán o día 31 de xullo a Lugo, onde terá lugar a presentación inicial na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, entre as 17:30 e as 20:00 horas. O 1 de agosto desenvolveranse a ‘viaxe pola rede’, onde cada parella de artistas coñecerá un dos museos da rede. Alí tomarán contacto coas coleccións do centro e o seu entorno. Poderán facer fotos e todo tipo de anotacións que lles sirvan para facer o traballo posterior. De volta a Lugo, do 2 ao 6 de agosto traballarán no Pazo de San Marcos, de 10 a 14 horas e de catro a oito da tarde, de cara ao público, que poderá visitar a Sala de Exposicións e coñecer os procesos creativos.
O luns 3 de agosto, ás 19 horas, desenvolverase unha conferencia de Mónica Maneiro, directora da revista Dardo e comisaría de exposicións. Un día despois, o 4 de agosto, será a quenda para o artista visual Jorque Perianes. O 6 de agosto porase fin á residencia e montarase a exposición, que será inaugurada o día 7 e clausurada o domingo 30 de agosto.
Xurado
O xurado estará composto polas dúas coordinadoras do Estudio Aberto, Encarna Lago e Paula Cabaleiro; a docente do departamento de pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo) Anne Heyvaert; a crítica de arte do programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega, Natalia Poncela; a responsable do Departamento de Exposicións do Museo de Pontevedra, Fátima Cobo; a directora do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, en León, e docente en Historia da Arte da UNED de Ponferrada, Silvia Blanco; e o docente da Facultade do Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Juan Carlos Meana.
Prazo de solicitude e documentación requerida
Aqueles que desexen participar deberán enviar a súa solicitude, xunto co resto da documentación requirida, en formato dixital, antes das 14 horas do 25 de xuño ao enderezo electrónico: xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org.
A documentación requerida é un dossier de obra recente (máximo 10 páxinas), o CV artístico (máximo 2 páxinas), breve explicación conceptual da obra, traballo ou traxectoria (máximo 1 páxina), fotocopia do DNI e solicitude debidamente cuberta.