Continúa o Mes da Maxia os días 13 e 14 de novembro en Cervo, Barreiros, Ourol e Ribadeo.

Continúa o Mes da Maxia os días 13 e 14 de novembro en Cervo, Barreiros, Ourol e Ribadeo.
 
O venres e o sábado, 13 e 14 de novembro, respectivamente, prosegue en catro restaurantes da comarca a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta. Participan 20 restaurantes nesta iniciativa, que xa é unha cita consolidada entre as propostas de outono da comarca. Grazas a este programa, os comensais gozan dos menús máxicos preparados polos locais xunto aos espectáculos dos magos Teto, Rafa e Charly. A cita prolongarase ata o 28 de novembro. 
O venres, 13 de novembro, haberá menú máxico no restaurante Río de Oro, en Cervo. Alí os que acudan poderán degustar os conxuros do mestre (polbo con vinagreta de mango e crema de cabaza con sorpresa), embruxo da terra sobre o mar (pescada lodeiro), maxia branca (delicias de tenreira con crema fina de allo) e feitizo de inverno (filloa rechea de crema de oruxo). Despois da cea actuará o mago Rafa.
Ese mesmo venres tamén haberá menú máxico na Yenka de Barreiros. Os asistentes degustarán trucos e tratos (croquetas de xamón ibérico e pastel de salmón), o príncipe encantado (peixe sapo en prebe de mariscos), escoba voadora (solombo de tenreira con crema con piña ao cabrales) e o rei de bastos (brazo de xitano con xeado de crema de oruxo). Neste establecemento estará o mago Teto.
Xa o sábado, 14 de novembro, haberá menú máxico no Mesón A Garita de Ourol. Este establecemento ofrecerá unha cea a base de tridente mariño (croquetas de marisco e espadiñas de langostinos e peixe sapo), pote do demo (cazola de polbo con gambas), sortilexio da terra (rolo de carne con puré de patacas) e pecado máxico (torta de tres chocolates). A Garita ten dispoñible tamén un menú infantil composto de taquiños de polo, roedores recheos, pizza cara de gato, costela asada con patacas e tarta San Marcos. Os trucos de maxia correrán a cargo do mago Teto.
Finalmente, o hotel restaurante O Cabazo, de Ribadeo, ofrece un menú máxico composto de apócema de Panoramix (crema de marisco e picatostes de centeo e capricho de langostino con puré de manteiga), manxar de sereas (láminas de bacallau ao forno con pataca, salsa de tomate e bechamel), estofado da festa meiga (xarrete estofado con verduras) e a sobremesa das fadas (croquetas doces de mazá Reineta). Actuará neste caso o mago Rafa.
O prezo dos menús máxicos mais actuación é de 25 euros por persoa e inclúe as bebidas: auga mineral, viño tinto ou branco, café ou infusión. As cenas darán comezo ás dez da noite. 
O calendario de actuacións pode consultarse na páxina web: www.mesdamaxia.com As reservas poden facerse directamente nos restaurantes participantes, como mínimo, con 24 horas de antelación. O Mes da Maxia conta co patrocinio de Pazo do Mar e de Distribuciones Carreiras.