Este venres, día 2 de setembro, comezou a Semana do Teatro Afeccionado de O Valadouro coa representación que correu a cargo do grupo de alumnos participantes no obradoiro que se levou a cabo durante o mes de agosto no Concello. A obra que levaron a escena foi a titulada A Madriña, unha adaptación para o grupo do mestre que impartiu a temática, Tom Arenas.
A segunda representación é o domingo 4 coa obra Mal Social, orixinal de Paco Piñeiro e que porá en escena o grupo de teatro Ardora de San Ciprián dirixido por María Paz Rodríguez Silva.
O luns 5 estrearase un grupo da veciña localidade de San Martiño, O Centiño, que interpretará O Caldeiro Máxico, obra orixinal do seu director Pepe Peinó.
O martes 6 chega un clásico da Semana de Teatro de O Valadouro, o grupo A Adala, que representará unha obra adaptada polo propio grupo e que leva por título Oia Doctor.
Esta semana de teatro remata o mércores 7 con outro dos grupos míticos, O Bordelo, que nesta ocasión levará a escena un traballo do seu director Francisco Piñeiro titulado Xubilando.
Todas as representacións son na Casa da Cultura do Concello de O Valadouro ás 22:00 horas. A entrada é de balde para todos os públicos.