As parroquias ribadenses de Vilela, Remourelle, Rinlo, Cinxe, Vilausende e As Anzas acollerán desde o 5 de outubro actividades organizadas polas Concellarías de Igualdade e Servizos Sociosanitarios.

As parroquias ribadenses de Vilela, Remourelle, Rinlo, Cinxe, Vilausende e As Anzas acollerán desde o 5 de outubro actividades organizadas polas Concellarías de Igualdade e Servizos Sociosanitarios.
 
Volve ás parroquias o programa Aquí… como de 20!!!, que organizan as Concellarías de Igualdade e de Servizos Sociosanitarios e que está destinado ás persoas maiores de 55 anos. 
 
Mariluz Álvarez Lastra, edil de Igualdade, sinalou que “o Concello de Ribadeo prosigue coa oferta de ocio dirixida ás parroquias que se iniciou fai dous anos. Ao igual que aconteceu no seu día coa ximnasia de mantemento, trátase de achegar novas actividades para dinamizar o rural e para garantir unha igualdade entre a cidadanía que reside no núcleo urbano e a que vive no rural”.
 
A edil nacionalista contou que “imos ter tardes de lecer, que constarán de dúas horas de duración e nas que se farán un compendio de obradoiros alongados no tempo, complementados con actividades de carácter puntual. Nestas tardes de lecer, haberá un obradoiro de memoria, no que ademais se aproveitará para recoller lendas, contos, ditos, cantigas.... Tamén hai previsto un club de xogos e actividades manuais, acompañadas dun café, de tertulia…”. Álvarez Lastra subliñou que “todas actividades son gratuítas”. Darán comezo o 5 de outubro e desenvolveranse ata decembro. E ás mesmas poderá acudir calquera veciño/a aínda que non sexa da parroquia na que se vai realizar a actividade. Non é preciso anotarse. 
 
Os luns terán lugar en Vilela de 16 a 18 horas e en Remourelle de 18:30 a 20:30 horas. Os mércores haberá actividades en Rinlo de 16 a 18 horas e en Cinxe de 18:30 a 20:30 horas. E os venres será a quenda das parroquias de Vilausende de 16 a 18 horas e das Anzas de 18:30 a 20:30 horas. 
 
Desde as Concellarías de Igualdade e Servizos Sociosanitarios engaden que as persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao teléfono do CIM: 982 120 739.