A Romaría de Santa Eufemia no burgo de Trasbar, en Cervo, terá lugar os días 16, 19 e 20 de setembro.

A Romaría de Santa Eufemia no burgo de Trasbar, en Cervo, terá lugar os días 16, 19 e 20 de setembro.
 
Un ano máis o burgo de Trasbar, en Cervo, celebrará a tradicional Romaría de Santa Eufemia, unha cita coa súas festas patronais que inclúe un variado programa de actividades que se desenvolverán durante tres días: O mércores 16, o sábado 19 e o domingo 20 de setembro. Están organizadas polaa asociación veciñal O Burgo de Trasbar, que tamén se encargou do evento o ano pasado.
Os actos comezarán o 16 de setembro, coincidindo coa festividade oficial, celebrarase a romaría da Santa Eufemia. O programa inclúe unha misa ás 13.00 horas, cantada polo grupo de voces Sons de Celeiro. Ao remate da misa, todos os devotos que queiran poden achegarse a poñer a Santa. De seguido, terá lugar a actuación do grupo de gaitas Nova Semente de Celeiro, cortesía do programa Musiqueando da Deputación Provincial de Lugo.
Na fin de semana os actos comezarán o sábado, 19 de setembro, ás sete da mañá, coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30 horas, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e sesión vermú. Xa pola noite, as orquestras Magos de España e Fénix serán as encargadas de amenizar a verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo gratis.
O domingo, día 20, a misa será ás 13.15 horas, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo da orquestra La Oca, que tamén será a encargada de amenizar a verbena pola noite. 
A asociación de veciños inclúe no programa un xantar campestre nas inmediacións da capela e, ás 17 horas, unha peregrinación á antiga capela da Santa Eufemia. A intención dos organizadores é “recuperar a Romaría da Santa Eufemia de antano, cando a xente viña andando ata a capela e xa quedaban a xantar en Trasbar”.
A organización agarda que este impulso á recuperación da tradición teña unha boa acollida e poder contar con máis romeiros en cada edición. Dende o colectivo veciñal apuntan que a organización desta cita festiva se incorpora como unha actividade máis da asociación, da que ofrecerán a correspondente rendición de contas aos socios, tal e como se fai con todas as actividades que levan a cabo. A asociación agradece especialmente o esforzo económico que fan os veciños de Trasbar, así como a axuda de empresas e establecementos que colaboran, sexa con contribución económica ou mercando rifas e, tamén dun xeito especial, ao Concello de Cervo.