A programación de Nadal no municipio de Cervo inclúe 23 actividades, que se desenvolverán dende onte, martes, ata o 5 de xaneiro. Foron presentadas polos concelleiros Dolores García Caramés, Manuela Méndez Álvarez, José Ramón Soto Martínez e Plácido Pérez Otero.
Dende hoxe, martes, ata o vindeiro luns, día 21, farase en diferentes puntos do municipio unha campaña de recollida de xoguetes para destinar a familias con escasos recursos. Nesta iniciativa colaboran o Concello de Cervo, a asociación Arroutados e a Cruz Vermella.
O 19 de decembro ás 17 horas no pavillón da Veiga, en san Ciprián, haberá un campionato de kárate, concretamente da especialidade de katas nihon taijitsu, organizado pola Federación Galega de Kárate. Ese mesmo día ás 19:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián terá lugar a representación a cargo do grupo de teatro municipal do Concello de Cervo Pimpim de dúas obras: Esta doutora ten un contooooo e Pin, pun, pan.
Na escola de San Román de Vilaestrofe haberá do 19 ao 23 deste mes un campamento de Nadal organizado pola asociación Chao de Castro Altair, de Burela.
No local da asociación Burgo de Trasbar e organizado por ese colectivo haberá unha visita de Papá Noel este domingo, día 20, ás 16.30 horas. Ao día seguinte, o vindeiro luns, empezará o programa de actividades Enredos de Nadal, que se desenvolverá ata o día 30 deste mes na Casa do Mar, de San Ciprián, de 11 a 12:30 horas para os alumnos e alumnas de segundo ciclo de Infantil e a partir das 12:30 horas para os de Primaria.
O vindeiro, luns, día 21, ás 19 horas será inaugurada na Casa da Cultura a exposición de postais de Nadal elaboradas por nenos e nenas do municipio de Cervo, acto que estará amenizado por catro voces infantís da coral Terramar e no que se entregarán os premios aos gañadores do certame de postais e agasallos para todos os participantes. Tamén se desenvolverá un taller de pintura infantil grupal. A exposición estará aberta ao público ata o 6 de xaneiro de 2016.
As actividades continuarán o martes 22 de 16:30 a 18 horas na biblioteca de Cervo coa actividade denominada Pequenos reporteiros, que é un taller de elaboración dunha revista. Está dirixido a rapaces de 9 a 17 anos e as inscricións poden facerse na Casa do Concello, en Cervo, e na Casa do Mar, en San Ciprián.
O mércores 23 haberá maxia no salón de actos do Concello de Cervo ás 19 horas, a cargo do Mago Joge, que despois da actuación impartirá un taller infantil de maxia.
O día Noiteboa, xoves, Papá Noel estará na Praza dos Campos, de San Ciprián, de 12 a 13:30 horas. E a partir das 17 horas no pavillón de Cervo terá lugar a oitava edición da Noiteboa Infantil, organizada pola asociación Fervenza de Sargadelos, con actividades como contacontos Caxoto Cativo, pintura de caras, visita de Papá Noel, chocolatada gratis e un sorteo de marisco na Pousada O Almacén ás 20:30 horas.
Para o día 27 está programado o acto Melodías del otro lado del charco, que é un espectáculo acústico, coral e poético que se celebrará ás 20 horas na Casa da Cultura de San Ciprián, organizado polo Concello de Cervo e a asociación Os Aventados. Ao día seguinte, o 28, haberá un taller de pintura acrílica para rapaces de 9 a 17 anos na biblioteca de Cervo de 16:30 a 18 horas. Poden facerse as inscricións na Casa do Concello ou na Casa do Mar.
Na programación tamén se inclúe un ciclo de cine de Nadal con dúas proxeccións: unha o día 28 ás 19:30 horas na Casa da Cultura de San Ciprián e a outra o día 29, tamén ás 19:30 horas, no Ecomuseo de Cervo.
O día 29 tamén haberá un taller de pintura, dedicado concretamente ao carboncillo, para rapaces de 9 a 17 anos na biblioteca de Cervo de 16:30 a 17:30 horas. As inscricións poden facerse na Casa do Concello ou na Casa do Mar.
Na madrugada do 1 de xaneiro de 2016, a partir das 00 horas, haberá a Xuntanza de Benvida ao Ano Novo no local da asociación Burgo de Trasbar, organizada por este colectivo e o Concello de Cervo. Ao día seguinte, o 2 de xaneiro, Marionetas Trécola representará As tres raíñas magas no salón de actos do Concello de Cervo ás 19 horas. E o 3 de xaneiro ás 16:30 horas a asociación Burgo de Trasbar celebrará unha Cabalgata de Reis no seu local. Ese mesmo día ás 19 horas haberá un concerto de Nadal a cargo da coral Terramar no auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián.
Outra actividade incluída no programa de Nadal o Concello de Cervo é unha festa acuática infantil con xogos na auga para nenas e nenos na piscina municipal de Lieiro o día 4 de xaneiro ás 17 horas.
E os actos rematarán o 5 de xaneiro coas cabalgatas dos Reis Magos en San Ciprián e Cervo. A primeira está organizada polas asociacións Península da Paz e Mulleres de San Ciprián xunto ao Concello de Cervo. Sairá ás 18:30 horas do pavillón da Veiga e rematará na Casa da Cultura. E a de Cervo sairá ás 19 horas das escolas vellas e rematará no salón de plenos da Casa do Concello, onde haberá un estreo teatral do grupo O Bordelo. Está organizada pola asociación Airiños do Xunco e polo Concello de Cervo.