A obra musical A nena e o grilo nun barquiño, da compañía de teatro de Magín Blanco, chega este sábado a Burela. Representarase a partir das 17:30 horas na Casa da Cultura.

 

A Concellería de Cultura de Burela presenta este sábado, 29 de novembro, a obra A nena e o grilo nun barquiño, da compañía de teatro de Magín Blanco. O espectáculo está dirixido ao público infantil e familiar e consiste no relato da historia dunha viaxe mediante a interpretación de cancións que van desde o reggae, ao pop, ao rock ou á bossa nova. Comezará ás 17:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura da vila e a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Dende a Concellería de Cultura de Burela informan que este acto consiste na representación dun espectáculo de arredor de 60 minutos, centrado na música en directo e no teatro para tódolos públicos. Nel intervirán Magín Blanco coma voz e guitarra, Jorge Juncal coma pianista e acordeonista, María Faltri ao baixo, Montse Piñón coma actriz encargada a dar vida á nena protagonista e Pepablo Patino coma actor caracterizado de grilo. Todos forman parte da Compañía de Magín Blanco que procede do pop e se dedica a crear obras de teatro para nenos e familias nas que o escenario se converte nun espazo cheo de enerxía, calidade e emocións.

 

 

A obra que esta fin de semana se presenta en Burela ten coma argumento principal a historia dunha viaxe iniciática onde o mundo se presenta como unha aventura por descubrir. Unha aventura luminosa e amable, máis próxima ao intercambio que a competencia. Nela, a realidade afróntase dun xeito absolutamente natural e reflíctese nas propias vivencias dos protagonistas. Por iso o espectáculo se converte nun medio para valorar a expresión a través de artes coma son a narrativa, a música, a ilustración e a poesía.