Segue a campaña da Federación de Comercio A Mariña que arrincaba o pasado sábado, día 15, en Viveiro co sorteo presencial de 2.000 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro.
Esta semana a campaña trasládase a Ribadeo. Durante estes días os clientes que fagan as súas compras ou consuman na hostalaría local deberán gardar os seus tíckets de compra para que despois o sábado, 22 de outubro, se dirixan á carpa de A Mariña Federación, que estará situada na rúa San Francisco, e alí obterán as rifas para participar no sorteo presencial que se celebrará ás 20.30 horas desa mesma xornada. A organización dará unha rifa por cada tícket superior aos 10 euros.
Os 2.000 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa Ribadeo repartiranse en 10 premios de 100 euros cada un, un premio de 200 euros, un premio de 300 euros e un premio de 500 euros.
Durante toda a campaña da FCAM, que se desenvolve desde o 10 de outubro ata o 26 de novembro, sortearanse en total 12.000 euros en vales de compra. Despois de pasar por Viveiro e por Ribadeo recalará en Foz, Burela, Xove e O Vicedo.