A biblioteca pública municipal de Foz organiza diversas actividades para celebrar o Día do Libro e o das Letras Galegas. Anunciouno a concelleira de Cultura, Silvia Blach, quen explicou que é “unha programación para todos os públicos, onde se mesturan actos para nenos, mozos e adultos, con variedade de actividades como contacontos, obradoiros, presentación de libros, visitas escolares ou certames”.
Silvia Blach especificou que “pasada xa a celebración do Día de Rosalía e do Día da Poesía co Festival dos Namorados, comezamos o mes de abril coa celebración este ano do Día das Artes Galegas dedicado a Castelao, co obradoiro A obra de Castelao en teatro de sombras, a cargo de A Xanela do Maxín para mozos do IES de Foz. Será o vindeiro venres 22 as 11:30 horas. Ese mesmo día ás oito da tarde no salón de actos da Casa da Cultura faremos a presentación esperada dos novos libros do autor focense Paco Rivas De punta a chicote: así falan os mariñaos e Entre o ábalo e a zaranda”, publicados por Edicións do Cumio. Con este motivo distribuiranse polos centros de ensino da vila estas obras que achegan o patrimonio inmaterial do léxico do mar creado por xeracións de galegos e galegas da Mariña, que durante tantos anos recolleu e estudou Paco Rivas, en palabras da editora”.
A edil de Cultura engadiu que “entraremos no mes das Letras Galegas cos certames de narración e debuxo Letras Galegas 2016 así como cunha programación especial dedicada ao poeta Manuel María. Comezaremos achegando a súa obra aos máis pequenos con Babacontos con Manuel María, a cargo de Larraiz Urruzola o venres día 13 de maio ás 18:00 horas. Utilizando as ferramentas da narración oral tradicionais coñeceremos algunhas das súas poesías de Os soños na gaiola, nas súas versións cantadas nos libros discos dispoñibles, que son varios xa neste momento; e o conto O bigote de Mimí da man da actriz Larraitz Urruzola. O Día das Letras Galegas, 17 de maio, a través das ondas de RadioFoz haberá unha programación especial dedicada á vida e obra do poeta Manuel María. O venres 20 de maio teremos a Quedada Literaria para todos os veciños e centros de ensino, cunha lectura pública da obra de Manuel María no salón de actos da Casa da Cultura durante todo o día. A mellor maneira de coñecer ao autor lendo a súa obra”.
Blach tamén anunciou que “a partir do mes de maio e ata xuño desenvolverase a actividade Fotografando a literatura para mozos menores de 30 anos que deberán presentar unha proposta dunha foto con poema ou texto narrativo de Manuel María, do que esperamos que saían estupendas achegas. As bases poden consultarse na Biblioteca Pública Municipal. Esperamos participación non só de Foz senón tamén do resto da comarca da Mariña”.
A concelleira de Cultura focense rematou comentando que “as actividades dedicadas ao poeta benquerido de Foz Manuel María continuarán ao longo do resto do ano, nunha programación que se presentará en breves. Todo isto estará acompañado de visitas escolares coas que comezaremos o día 21 de abril no centro de A Galiña Azul e continuaremos durante o mes cos nenos de primaria do colexio Martínez Otero. É unha programación que esperamos que sexa do agrado de todos e agradecemos especialmente a colaboración da Xunta de Galicia co programa Ler conta Moito e a Edicións do Cumio pola súa achega”.