A Biblioteca Municipal de Foz convoca o seu XIV Certame de Poemas de Amor, o máis antigo da comarca. No concurso poderán participar tódalas persoas que o desexen en tres modalidades distintas: nen@s de ata 11 anos, moz@s de 12 a 18 e adult@s de 19 en adiante. O tema dos traballos deberá ser o amor e a extensión máxima dos poemas non deberá superar o tamaño dun folio DIN-A4. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o día 24 de febreiro. Os interesados poden entregar xa os seus traballos de forma presencial, na propia Biblioteca Municipal, ou de forma dixital, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodefoz.es.
Dende a Biblioteca Pública de Foz explican que só se admitirán os poemas que sexan presentados sen ningunha identificación exterior, acompañados dun sobre pechado no que se incluirán os datos persoais de cada concursante: nome, apelidos, dirección completa, teléfono e idade. Ademais, terán preferencia os traballos entregados en galego e admitiranse tanto as poesías escritas a ordenador, como a máquina ou a man (en maiúsculas). Tódolos poemas entregados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Municipal, organismo que se reserva o dereito a facer un uso responsable destes traballos.
O fallo do xurado será anunciado a través da páxina web do Concello de Foz, en Radio Foz, nos medios de comunicación locais e mediante consulta telefónica directa no número 982.14.06.75. A entrega de premios celebrarase o 14 de marzo ás 20:00 horas nun acto que terá lugar na Casa da Cultura de Foz. Os premios que se establecen por categoría son os seguintes: un primeiro e segundo recoñecemento dotados con dous lotes de libros e agasallo, para os dous gañadores do Premio Infantil; un primeiro premio de 50 euros e cea para o gañador do Premio Xuvenil e outro de 30 euros e cea para o segundo clasificado; e un 1o agasallo consistente en 100 euros e noite de hotel para o gañador do Premio de Adultos, acompañado dun recoñecemento de 60 euros e cea para o segundo clasificado. A participación no certame implica, tal e como recordan dende a propia Biblioteca Municipal, a aceptación das bases do presente concurso.