A Basílica de San Martiño acollerá un concerto de guitarra este 5 de agosto e no Cenima de Foz hai dúas exposicións ata o 15 deste mes.

A Basílica de San Martiño acollerá un concerto de guitarra este 5 de agosto e no Cenima de Foz hai dúas exposicións ata o 15 deste mes.
 
A basílica de San Martiño acollerá un concerto de guitarra mañá, venres, e no Cenima de Foz hai ata o día 15 deste mes dúas exposicións: unha de debuxos de Juanel e a outra de fotografías de Pepe Álvez.
 
O concerto de guitarra clásica e corda pulsada correrá a cargo de Fernando Pérez e está organizado pola Delegación de Cultura do Concello de Foz para mañá, venres, día 5, ás 19 horas na basílica de San Martiño.
 
En canto ás exposicións que se poden ver estes días, ata o 15, no Cenima de Foz, unha delas é de debuxos de Juanel e leva por título Memoria do Mar de Foz.
 
A outra mostra é de fotografías do lucense Pepe Álvez, que foron realizadas cun teléfono móbil e titúlase Mobilandia II. Organizada pola Asociación de Prensa de Lugo (APL), co patrocinio da Área de Cultura da Deputación, Mobilandia II está integrada por preto dunha trintena de fotos de paisaxes e de temática moi diversa nas que o autor deixa de manifesto as posibilidades artísticas que poñen a disposición de calquera persoa as cámaras dos teléfonos.
 
A Asociación da Prensa de Lugo explica que “coa colaboración do organismo municipal de Foz, Mobilandia II inicia na Mariña un percorrido por concellos e outras entidades da provincia de Lugo, tras permanecer aberta no Museo Provincial e nun histórico establecemento hostaleiro da cidade lucense con motivo do peche definitivo da súa actividade. Pepe Álvez (Lugo, 1953), dedicouse durante 34 anos á fotografía en prensa, pero nunca esqueceu a faceta artística desta actividade, coa que se iniciou como afeccionado antes de centrarse profesionalmente na información gráfica. O avance tecnolóxico experimentado tamén polas cámaras que incorporan os teléfonos animouno a deixar na casa a súa tradicional máquina de retratar e, en cambio, non esquece nunca nas súas viaxes e paseos o móbil, o seu máis recente medio para facer arte.
 
A exposición pode ser visitada na sala do edificio do Cenima, situado na zona marítima de Foz, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00, de luns a sábado”.