A Banda de Música Municipal de Ribadeo ofrece un concerto de Semana Santa o día 1 de abril, mércores, ás 20.30 horas no Cine Teatro. Nesta actuación a banda ribadense contará coa reincorporación de dous ex compoñentes da formación e ademais debutarán catro novos membros, que son alumnos da escola municipal de música.
O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, anunciou hoxe que “no concerto de Semana Santa vamos tocar obras procesionais e solemnes e tamén outras de igrexa. Pero vai ser un repertorio variado, non vai ser todo obras sacras senón que tamén vai haber outro tipo de pezas, pero si relacionadas coa Semana Santa. Neste concerto temos a sorte de que vamos contar coa participación dalgún músico máis dos habituais, xa que algúns que formaron parte da banda únense outra vez e xente que está recibindo clases na escola tamén se inician na banda e para eles vai ser o seu primeiro concerto”.
David Ballester invita “á xente de Ribadeo e á que vai estar neses días por aquí a que pase polo Cine Teatro o mércores, día 1 de abril, ás oito e media da tarde para gozar o máximo posible dese concerto. Esperamos que todas as obras que vamos interpretar sexan do seu agrado e poder ter o Cine Teatro como no último concerto, Aquí como en Viena, cando estivo cheo ata arriba”.