A Banda de Música Municipal de Ribadeo conmemora Santa Cilla cun concerto este sábado, 21 de novembro, no Teatro.

A Banda de Música Municipal de Ribadeo conmemora Santa Cilla cun concerto este sábado, 21 de novembro, no Teatro.
 
A banda de música municipal de Ribadeo conmemorará a festividade de Santa Cilla cun concerto que terá lugar no Teatro ribadense este sábado, día 21. E o 5 de decembro empezarán os ensaios para o concerto solidario que se celebrará o 3 de xaneiro de 2016.
Sobre o concerto deste sábado, o director da banda de Ribadeo, David Ballester, explicou que “nesta edición, como levamos facendo xa hai uns cantos anos, tocarán de solistas músicos da banda, que nesta ocasión serán saxofón alto Martín García e o trompeta Rubén Solloso. E outra parte do concerto estará dedicada plenamente a obras dun compositor holandés, Jacob de Haan. Aproveitando a data de San Cilla debutarán coa banda dous músicos máis: o oboísta Isaac Pazos Pérez e o seu irmán, o saxo alto Nicolau”. Ademais destes dous recibirán os diplomas que acreditan a súa incorporación oficial á banda de Ribadeo outros 11 músicos que entraron ou regresaron á formación nos últimos meses: as frautistas Antía Gómez Alonso, Paula Pérez Conde e Eva Iglesias López; a oboísta Alicia Folgueira González; os clarinetistas Saleta Martínez Tella, Julia García Ríos, Santiago de Rivera  Parga e Alberto Clemente Avilés; Visitación Docobo López, que toca a trompa; e os intérpretes de trombón Daniel Fernández Belmar e Aurora Fernández Peña. 
No concerto deste sábado tamén se entregarán os premios do 2º concurso de debuxo para escolares, correspondente ao curso 2014-2015, que  convoca a asociación Amadores da Música. Os galardoados son Ana Peña Ares, alumna de 3º de ESO no colexio Sagrado Corazón; María García Martínez, de 3º de ESO no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; Marta Portela Besteiro, de 3º de ESO no Sagrado Corazón; Iago Freije Mariño, de 4º de ESO no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; Larisa Dos Santos Lópes, de 4º de ESO no Sagrado Corazón; Florencia Belén Balverde, de 4º de ESO no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; e Gabriela Rodil García, de 3º de ESO no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
En canto ao segundo concerto solidario que ofrecerá a banda municipal de Ribadeo coa incorporación para esa actuación de ex músicos da formación, celebrarase no auditorio municipal Hernán Naval o día 3 de xaneiro de 2016 e os ensaios empezarán o 5 de decembro. Anunciouno o presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, quen tamén explicou que “a recadación dese concerto vai ir nesta ocasión destinada á Asociación de persoas con Discapacidade da Mariña-Cogami”.