Desde a organización sinalan que “coma todos os anos, dende a Asociación Cultural O Pasatempo queremos celebrar a chegada da primavera cunha xornada de actividades para pequenos e maiores que terá lugar o vindeiro sábado, 18 de abril, en Mondoñedo”.
A partir das 10 da mañá na praza da Catedral de Mondoñedo e coa colaboración da Delegación de Deportes do Concello de Mondoñedo, inícianse as actividades para xente de todas as idades cunhas rutas de sendeirismo e en bicicleta, adecuadas para cada idade. Dende as 11 no Casino de Mondoñedo e coa colaboración do Círculo de Recreo e da Gaita Escola de Mondoñedo, realizarase un obradoiro de música tradicional para nenos. Finalmente, a partir das 13 horas na Praza dos Muíños haberá pintura facial e globoflexia para nenos, recital de poemas e o momento da plantación da árbore, con acompañamento musical. Ademais, durante toda a mañá na Praza dos Muíños, estarán expostos os debuxos participantes no “IV Concurso de Debuxo da Árbore”, realizados no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Escola Infantil de Mondoñedo, de onde saíron os 2 debuxos gañadores para ser o cartel da festa.
Desde O Pasatempo engaden: “como curiosidade, recordar que foi en Mondoñedo onde se celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa o 4 de febreiro do ano 1569 sendo rexedor Luis de Luaces, o cal ordenou plantar árbores frutais na hoxe Alameda dos Remedios baixo pena de multa a quen non o cumprise. Para celebralo, trala plantación, ofreceu a todos os veciños unha comida campestre”.