Xosé Ferreiro, Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, presentou o programa da Semana dos Museos, vinculada á celebración do Día Internacional do Museos, que se celebra o 18 de maio. Xunto a el estiveron tamén Esther López, en representación do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial, e Aurelia Balseiro, Directora do Museo de Lugo.
O programa de actividades proposto para este ano 2016 abrangue os catro Museos da Rede Museística e tamén, por vez primeira, o CENTRAD, Centro agora xestionado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Así, tendo en conta que este ano o ICOM (Consello Internacional do Museos) dedica o Día Internacional dos Museos ás paisaxes culturais, no programa ideado desde a Área de Cultura da Deputación destacase en gran medida a relación dos Museos coa súa propia contorna.
Xosé Ferreiro explicou que o conxunto das actividades propostas está pensado desde un enfoque de “museos comunitarios, implantados na sociedade e pensados para todas e todos” dixo. Así mesmo, o Delegado de Cultura da Deputación sinalou que “este ano, por vez primeira, incluímos o CENTRAD como espazo no que se desenvolverán tamén actividades desta Semana dos Museos, buscando a integración deste Centro na actividade Área de Cultura. Así, ao longo desta semana, na que tamén celebramos o Día das Letras Galegas e a Noite dos Museos, teremos un amplo e variado programa de actividades, abertos a todo o público e a todas as idades”, concluíu.
O 17 de maio haberá un roteiro no Museo Provincial do Mar (San Cibrao) para celebrar o Día Internacional do Museos. Será a partir das 12:30 horas.
O 20 de maio de 11 a 14 horas e 17 a 20 horas no Museo Provincial do Mar desenvolverase a actividade “O bosque colectivo”, con Alberto Pena Rey. A actividade consiste en crear unha pintura mural dun bosque con impresións en negativo e con materiais naturais nas paredes desta instalación.
Os días 21 e 22 de maio chegará ao Museo Provincial do Mar a I Feira da Arte na Rede Museística da Deputación de Lugo. Está aberta a todos os artistas, libreiros, galeristas, etc… que queiran amosar e vender as súas obras nos museo que integran a devandita rede. Os interesados poden obter máis información dirixíndose ao seguinte correo electrónico xerencia@museolugo.org