Vintecinco artesáns participan do 5 ao 8 de decembro no XIII Mercado do Nadal de Ribadeo. Está situado na rúa San Francisco e no parque.

Vintecinco artesáns participan do 5 ao 8 de decembro no XIII Mercado do Nadal de Ribadeo. Está situado na rúa San Francisco e no parque.
 
O XIII Mercado de Nadal de Ribadeo abre as súas portas este sábado, 5 de decembro, ás 17 horas da tarde. Ata o martes, día 8, haberá 25 postos na rúa San Francisco e no parque nos que se poderán atopar pezas de artesanía, alimentación, vestido e calzado, entre outras propostas. O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Fernando Suárez, e pola concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local, Ana Martínez. O goberno local confía en que esta iniciativa volva arrastrar a veciños e visitantes á vila e que repercuta no comercio e na hostalaría. Ademais do Mercado, aberto durante a ponte festiva, tamén nestes días está previsto o acendido da iluminación de Nadal na vila de Ribadeo. 
O rexedor dixo que “nesta 13ª edición do Mercado de Nadal dende o Concello queremos volver traer as actividades comerciais, artesanía, nas súas diferentes extensións, como calzado, vestido, alimentación, coiro, elaboración de cervexas, embutidos ou velas aromáticas. Así un total de 25 expositores de aquí da comarca, de todo o país e mesmo de comunidades próximas que queren achegarse para vender o mellor dos seus produtos. Aínda que nesta edición temos un gran número de expositores, 25, foron moitos máis os que o pediron, porque moita xente quere vir a Ribadeo. Queren vir porque ven que ten un éxito notable de público, de capacidade de congregar a moitísima xente”. 
Suárez Barcia explicou que “os técnicos estiveron seleccionado o que nos parecía máis diversificado e representativo desta artesanía para o Nadal. Hai un incremento importante de artesáns locais, nesta nova edición do Mercado de Nadal vai haber máis presenza ca nunca de artesáns da vila e do municipio. O que queremos, coma sempre dicimos, é que isto favoreza que a xente veña e consuma en Ribadeo os produtos que se vendan no Mercado de Nadal, pero que tamén coma, tome cafés e merque nas tendas de Ribadeo, que non haxa escusa para vir a Ribadeo durante estes días, do sábado 5 de decembro pola tarde ata o martes 8 de decembro, que sempre haxa un motivo para todos os veciños, e tamén xente doutros municipios próximos e non tan próximos, veñan a Ribadeo”. 
O alcalde ribadense engadiu que “con isto iniciamos o Nadal e contamos que durante a ponte se acenda o alumeado de Nadal que poñemos en marcha todos os anos. Hai que ter en conta que o Nadal comeza cedo, empeza con forza e, unha vez que acabe este Mercado de Nadal, de alí a pouco, empezamos coa pista de xeo natural. Dende o goberno municipal e dende a área que dirixe Ana Martínez estamos empeñados e convencidos de facer cousas que atraian á xente a Ribadeo, con reclamos diferentes, ben sexa unha pista de xeo, ben sexa un Mercado de Nadal ou calquera outra cousa, pero sempre con ánimo de atraer xente, porque logo, cando preguntamos aos comerciantes, aos restauradores ou aos taberneiros, dinnos que están contentos e agradecidos de que se fagan estas iniciativas para que a xente veña, porque se a xente vén acaba consumindo, mercando, e isto vénlle moi ben ao noso principal eixo económico, que é o sector servizos”. 
A programación do Mercado do Nadal inclúe obradoiros, títeres, baile e música.