Vinte locais hostaleiros participan nas xornadas dedicadas ás tapas ecolóxicas, que se celebrarán os días 29 e 30 de abril en Foz. Organiza o Centro Comercial Aberto.

Vinte locais hostaleiros participan nas xornadas dedicadas ás tapas ecolóxicas, que se celebrarán os días 29 e 30 de abril en Foz. Organiza o Centro Comercial Aberto.
 
Vinte locais hostaleiros participan nas xornadas dedicadas ás tapas ecolóxicas, que organiza o Centro Comercial Aberto de Foz e que se celebrarán os días 29 e 30 de abril. A cita gastronómica foi presentada esta mañá pola secretaria da asociación Olaya Pedrosa e polos vocais Rubén Rodríguez e José Ramón Río. 
 
Os locais participantes son: Bar 78, Acuario, Mayros, Anduriña, Casa Maño, Portovello, Fraggle Rock, Marexada, O Paseo, O Rincón do Mis, A Viela, As Brasas, Costumes do Mar, Dandy, Fina, Tangarte Mariñeiro e Tangarte Mesón. 
 
Desde a directiva de Acia/CCA de Foz sinalan que “o obxectivo é dar a coñecer os produtos ecolóxicos que temos nesta zona, na Mariña luguesa. Queremos promocionar este novo modelo de negocio que hai na nosa comarca, onde se cultivan patacas, pementos, tomates e outras verduras, legumes e froitas ecolóxicas, sen esquecernos do noso peixe e da exquisita carne”.  
O Centro Comercial Aberto anima “a achegarse a Foz a vindeira fin de semana para saborear as propostas que atoparán na nosa hostalería e que serán cociñadas con moito esmero, coma sempre”. 
 
Arte nos escaparates
Desde Acia/CCA de Foz lembran que “ata o 15 de maio segue a mostra Arte nos escaparates, enmarcada dentro da Semana de Arte da Mariña. Varios comercios asociados expoñen nos seus escaparates traballos dos artistas da nosa comarca. É un bo momento para achegarse a gozar da arte, perfectamente fusionada coa moda desta tempada”. 
 
Día da nai
O comercio focense repartirá flores entre @s clientes que fagan as súas compras do día da nai nalgunhas das tendas asociadas durante os días 29 e 30 de abril. 
 
Desde a directiva do Centro Comercial Aberto subliñan que “o que queremos é ter un detalle con aquelas persoas que elixan o comercio tradicional de Foz para facer as súas compras. E animámolos a que sigan empregando a tarxeta do noso comercio e así acumulen máis descontos para as súas vindeiras compras”. E lembran que “en Foz poden atopar todo o que precisen para obsequiar ás nais o vindeiro 1 de maio”.