A praza dos Campos de San Ciprián acollerá este sábado día 30 unha concentración de coches Vag, é dicir, vehículos das marcas Volkswagen, Seat, Audi ou Skoda entre outros. Membros da entidade organizadora, Vag Lugo, e o Concello de Cervo, que colabora, presentaron o cartel e o programa.
Unha concentración que se vén celebrando hai un ano de forma mensual en diferentes puntos de Galicia, que adoita a convocar centos de persoas, e que nesta ocasión chega ao seu primeiro aniversario.
A quedada iniciarase a partir das 11 horas, cando comezarán a chegar os vehículos e que se reunirán na praza dos Campos, onde se concentrarán a maior parte das actividades.
Desta maneira, os coches estarán tamén dispoñibles para que todas as persoas que queiran poidan velos, “como un atractivo para os amantes do motor”, asegura o edil de Seguridade Cidadá en funcións, José Ramón Soto, que participou na presentación xunto ao alcalde en funcións, Alfonso Villares e representantes de Vag Lugo.
Para participar é preciso inscribirse, e o evento está aberto a todas as persoas con vehículo Vag, xa sexa moderno ou histórico, sen ningún tipo de exclusión máis alá das marcas. O prazo está aberto ata mañá día 27 de maio e o prezo é de 25 euros por persoa, incluíndo xantar e participación en todas as actividades. Para anotarse é necesario chamar ao 600 00 28 69. Haberá festa con discoteca móbil durante todo o día e tamén agasallos e trofeos.
“Esta é unha concentración que en cada edición convoca a centos de persoas en torno ao mundo do motor, tanto aos propietarios dos vehículos como público interesado en ver diversos modelos de coches e, polo tanto, é un evento que encherá de actividade o noso concello e que redundará no noso comercio e hostalería durante a fin de semana” asegura a Soto.