Ribadeo acollerá o 3 de setembro a súa primeira "Heroican Race". A inscrición xa está aberta.

Ribadeo acollerá o 3 de setembro a súa primeira "Heroican Race". A inscrición xa está aberta.
 
Ribadeo acollerá o día 3 de setembro deste ano, sábado, a súa primeira Heroican Race, que é unha carreira de obstáculos para a cal o prazo de inscrición se abre esta media noite na páxina web www.championchipnorte.com. O evento foi presentado hoxe na Casa do Concello coa participación do edil de Deportes ribadense, David Rivas.
 
“Desde o Concello queremos amosar a nosa satisfacción por acoller a primeira Heroican Race, unha carreira de obstáculos como as que xa se veñen celebrando en moitas cidades de toda a xeografía peninsular e que aportan unha dose importante de espectáculo á actividade deportiva local. Deste xeito a Heroican Race preséntase como unha oportunidade para Ribadeo de facerse un sitio no mapa das carreiras de obstáculos, que hoxe en día contan cun enorme número de participantes en
cada lugar onde se celebran”, explicou o concelleiro de Deportes. 
 
David Rivas engadiu: “agardamos que a carreira sexa un éxito de participación e cremos que mesmo pode crearse unha simbiose entre concello e carreira; Ribadeo vai verse seguro moi beneficiado ao acoller esta proba no que á dinamización turística se refire e a Heroican Race vai desenvolverse nun marco excepcional que lle dará proxección e boa prensa para futuras sedes e edicións. Á gran variedade de probas deportivas que abarrotan o calendario de verán súmase agora esta carreira, que seguro non deixará indiferente a ninguén”.
 
No acto de presentación participaron tamén o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, o técnico municipal de Deportes, Iván López, e representantes da organización deste evento.