Pensamento e Sementeira organiza unha excursión a Santo Estebo do Ermo (Barreiros) o vindeiro 3 de abril.

Pensamento e Sementeira organiza unha excursión a Santo Estebo do Ermo (Barreiros) o vindeiro 3 de abril.
 
O colectivo viveirés Pensamento en Sementeira dá comezo á súa programación da primavera de 2016 cunha visita guiada á fermosa paraxe de Santo Estebo do Ermo, en Barreiros.
 
A excursión, aberta e gratuíta, será o domingo 3 de abril. Un autobús, que sairá desde a oficina de turismo de Viveiro  o primeiro domingo de abril ás 9 da mañá, achegará ás persoas participantes a Barreiros. Desde esta localidade mariñá os excursionistas percorrerán a pé e guiados por membros da asociación cultural Irmandade Santo Estevo a fermosa paraxe da fonte de Augas Santas e visitarán os restos da ermida, a fervenza e a fonte de Santa Rosa.
 
Ao remataren o percorrido a pé, que supón arredor dos 9 quilómetros, as persoas participantes poderán xantar en Barreiros para regresar arredor das 6 da tarde a Viveiro.
 
O colectivo Pensamento e Sementeira programará ademais varias sesións de cineclub en abril; en maio, o espectáculo Pedanca e Oso, de Lucía Aldao e María Lado; e tamén está a organizar un recital cos versos de Manuel María que protagonizarán unha ducia de veciños de Viveiro para celebrar así o Día das Letras deste ano.