Os vindeiros días 10 e 11 de setembro vaise celebrar na Campo Municipal de Bolos de Sumoas o VII CAMPIONATO DE ESPAÑA DE BOLO CELTA EN CATEGORÍA FEMININA.
No mesmo van participar unhas 30 xogadoras de Madrid, Asturias e Galicia, que son as Comunidades onde se practica este xogo tradicional. Por parte da organización estase en conversacións con xogadoras de Bolo a Cachete do País Vasco co fin de que poidan estar tamén presentes neste evento e ampliar así a participación.
O Club de Bolos Xove é un club pioneiro en España no tocante á participación de mulleres nesta modalidade deportiva, que tradicionalmente estaba reservada aos homes. Cando se fundou o Club prácticamente as únicas mulleres que competían na Liga eran as do Club de Bolos Xove e o Club de Bolos O Cadaval. Pouco a pouco fóronse dando os pasos para que noutros clubs se fosen federando mulleres. Esta integración da muller a este deporte fixo que fose posible a celebración de campionatos Galegos e de España.
Nestes intres o nivel nesta categoría femenina é fantástico. Actualmente en Galicia hai club con representación feminina nas 4 provincias, e en Asturias creouse unha potentísima Liga Feminina que nada ten que envexar á Liga Masculina.
Dentro das xogadoras do Club de Bolos Xove, Carmen Roca tentará defender o título de Campeona de España por parellas que acadou na última edición deste campeonato, e tentará tamén o asalto ao título individual xa que está dentro das principais favoritas. Asimesmo esperamos que a xove Julia López, de 13 anos, confirme o sorprendente 3º posto individual obtido tamén na pasada edición.
Na xornada inaugural, ousexa, o sábado 10, vaise celebrar o CAMPEONATO INDIVIDUAL, deixando para o domingo 11 o CAMPEONATO POR PARELLAS.
A organización deste campeonato corre a cargo do Club de Bolos Xove, e conta coa total colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Xove.