O prazo para participar no XIV Concurso de Postais de Nadal da Biblioteca Municipal de Foz está aberto ata o 26 de novembro.

O prazo para participar no XIV Concurso de Postais de Nadal da Biblioteca Municipal de Foz está aberto ata o 26 de novembro.
 
Xa está aberto ata o 26 de novembro o prazo para participar no XIV Concurso de Postais de Nadal 2015 convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Foz, Radio Foz e a Oficina de Información ao Consumidor focense. É o certame destas características máis antigo da Mariña e vai dirixido a nenos de ata 16 anos, que participarán divididos en tres categorías segundo a idade.
No certame poden participar todos os rapaces que o desexen. A temática das postais presentadas debe ser o Nadal e os traballos realizaranse en cartolina cun tamaño de 16 por 11 centímetros. No reverso das mesmas aparecerán os datos básicos do autor: nome, idade, enderezo, teléfono e colexio. As postais entregaranse na Biblioteca Municipal.
A técnica a empregar será a do debuxo a lapis, rotuladores, ceras ou collage, sempre e cando o deseño non leve elementos que sobresaian, xa que dificultan a reprodución da postal, que é precisamente o que se fará co traballo que gañe o primeiro premio; unha postal escollida entre as tres categorías será a usada como felicitación oficial do Nadal de 2015 polo Concello de Foz.
En cada categoría haberá dous premios. Na Infantil A (nenos ata os seis anos) o agasallo consistirá nun lote de libros tanto para o 1º como o 2º premio. Na Infantil B (de sete a 10 anos) o 1º premio recibirá 40 euros máis un libro e o 2º premio levará 25 euros e outro libro. A categoría Xuvenil (de 11 a 16 anos) distinguirá ao 1º premio con 60 euros e ao 2º con 40 euros, e ámbolos dous levarán tamén cadanseu libro. Haberá tamén un premio especial para o colexio do que forme parte o alumno premiado.
O xurado poderá deixar deserto calquera dos galardóns se así o considera oportuno. O fallo darase a coñecer o 1 de decembro a través de Radio Foz, no teléfono 982.140.675 ou na propia Biblioteca Municipal. A entrega dos premios realizarase na Casa da Cultura nun acto para o que se establecerá data e hora.