O pavillón municipal da Veiga, en San Ciprián, acollerá o 19 de decembro un campionato de karate na modalidade de katas nihon taijitsu.

O pavillón municipal da Veiga, en San Ciprián, acollerá o 19 de decembro un campionato de karate na modalidade de katas nihon taijitsu.
 
O pavillón municipal da Veiga, en San Ciprián, acollerá este sábado, 19 de decembro, un campionato de kárate entre as 17 e as 19:30 horas organizado pola Federación Galega. José Ramón Soto, concelleiro de Deportes, explicou que a modalidade da proba é katas nihon taijitsu e que con ela se intenta dar a coñecer esta disciplina de orixe xaponés.
José Ramón Soto explicou que “é unha proba respaldada pola Federación Galega de Kárate. O acto é totalmente gratuíto para todos os públicos que desexen asistir ao evento. Acudirán participantes da Mariña Luguesa, ademais de A Coruña, Ourense e Lugo. Calcúlase unha participación de 30 competidores. É un campionato que ten carácter oficial e está organizado pola Federación Galega de Kárate, co patrocinio do Concello de Cervo. En dito campionato estará presente o mestre e director autonómico Miguel Ángel Rojo, veciño da nosa localidade e encargado de preparar a todos estes alumnos. O obxectivo principal é dar a coñecer máis esta actividade, aínda que na nosa comarca xa leva varios anos implantada, concretamente aquí no concello de Cervo. O taijitsu é un arte marcial de orixe xaponés baseado na defensa persoal e este é o seu obxectivo principal, aínda que por motivos de divulgación se realicen competicións para poder chegar ao público en xeral”.
Ademais durante este evento deportivo tamén se realizarán exhibicións de tai chi a cargo dun grupo de San Ciprián.
O campionato foi presentado polos concelleiros de Deportes e de Xuventude, José Ramón Soto Martínez e Dolores García Caramés, e polo mestre Miguel Ángel Rojo.