O músico compostelán Xosé Constenla presentará "Virada por Avante" en Ribadeo e en Mondoñedo. Será os días 14 e 21 de maio.

O músico compostelán Xosé Constenla presentará "Virada por Avante" en Ribadeo e en Mondoñedo. Será os días 14 e 21 de maio.
 
O músico compostelán Xosé Constenla inicia unha xira de primavera que o levará ao longo do mes de maio a oito concellos galegos. AsÍ, o último disco do artista, Virada por Avante, chegará por vez primeira a seis deles, tralas presentacións xa realizadas en Ourense e en Santiago. 
 
6 de maio: Ourense. Concerto no Café Auriense. Ás 22:00 horas. Entrada: 8 euros. Neste concerto participarán tamén artistas coma Carlos Blanco, Uxía, Roberto Sobrado e O Leo, entre outros.
 
7 de maio: Lugo. Concerto – sesión vermú (13:00 horas) que se celebrará en formato acústico dentro da xornada Cultura Ciclostil. Será de balde no Lar da Cultura do País.
 
11 de maio: Pontevedra. O salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación Audiovisual acolle unha xornada relacionada coas Letras Galegas, chamada ‘Resaca das Letras 2016’. O formato do concerto será acústico e celebrarase pola tarde. A entrada ao mesmo é de balde. 
 
13 de maio: Santiago de Compostela. Concerto acústico no Instituto Campus Stellae (na Praza da Quintana). Será ás 20:00 horas. A entrada terá un custe de 6€ e inclúe petiscos para os asistentes. 
 
14 de maio: Ribadeo. O concerto terá formato de cuarteto e o acceso ao mesmo será de Balde. O acto está organizado polo Concello de Ribadeo, con motivo das Letras Galegas 2016. A presentación de Virada por Avante nesta localidade será no Cine Teatro de Ribadeo. 
 
17 de maio: Marín. Queremos Galego Marín e Ateneo Santa Cecilia organizan este concerto de presentación de Virada por Avante, con motivo da celebración das Letras Galegas 2016. Será no Ateneo Santa Cecilia ás 20:30 horas, e a entrada será de 4 euros, 3 euros para socios. O formato do concerto será un dúo. 
 
19 de maio: A Coruña. Concerto formato trío de presentación de Virada por Avante. Organízao a Asociación Viernes de Cantautar, dentro do ciclo Autores de Cerca. O acto terá lugar ás 21:00 horas no Baba Bar e a entrada será de 6 euros, 4 euros no caso dos socios. 
 
21 de maio: Mondoñedo. Constenla presentará en ‘A Casa das Mañas’ o disco Virada por Avante, dentro da programación organizada con motivo das Letras Galegas 2016. A actuación será pola tarde e a entrada é de 15 euros, que inclúen petiscos e bebidas. 
 
Virada por Avante é o cuarto disco do músico compostelán, integrado por once temas con grande influencia de folk rock americano e tamén da corrente iberoamericana de canción de autor. É o álbum máis maduro, persoal e sofisticado de Constenla, que contou coa participación de Fredi Marugán, produtor e arranxista de recoñecido prestixio que como guitarrista ten acompañado a artistas como Serrat, Miguel Ríos, Luz Casal ou Ismael Serrano, entre moitos outros. Tamén colaboraron neste traballo artistas e técnicos tan recoñecidos como Javier Bergia e Óscar Herrador (Stateroom Studios). 
 
TRAXECTORIA 
Nado en Santiago de Compostela en 1980, Xosé Constenla viviu unha infancia repartida entre a capital galega, Combarro e A Coruña. Os seus comezos musicais foron a través dunha guitarra que había, un tanto esquecida, na casa. Foi tras coñecer a obra de cantautores como Silvio Rodríguez ou Luis Eduardo Aute, alá polos comezos dos 90's, cando empezou a 'xogar' coa guitarra de xeito autodidacta. Tamén acudiu durante un período curto de tempo a unhas clases, que lle axudaron nos seus comezos. Con 16 anos sacou as primeiras composicións e, tras varias actuacións no seu Instituto, foi no ano 1997 cando saíu do recinto escolar para a súa estrea coma músico nun establecemento da cidade compostelá. A taberna As Rodas (local agora chamado Fraguel Rock) foi o punto de partida dunha traxectoria musical enfocada ao público, que foi evolucionando cos anos. 
 
Co inicio da súa etapa universitaria, Xosé Constenla afrontou un novo periodo de influencias musicais, frecuentando locais coma o Tramoia, Casa das Crechas, Momo, Fonte Sequelo, Dionisos... que aglutinaban boa parte da oferta cultural compostelá por aqueles anos. Noutro local de referencia deste circuíto, o Garigolo, ofreceu concertos semanalmente durante un tempo. Coincidindo coa época universitaria sucedéronse escenarios sociais como as protestas de 'Non á LOU', o 'Nunca Máis' pola catástrofe do Prestige no 2002 ou o 'Non á Guerra', contra a invasión de Irak no ano 2003. 
 
A música de Constenla acompañou asembleas, nun período no que se comezou a fraguar o seu primeiro disco, moi marcado polo loita social. A partir do primeiro traballo, comeza unha proxección estatal e aos concertos en Santiago de Compostela vanse sucedendo outros por Vigo, A Coruña, e outros territorios: Cataluña, Euskadi ou Portugal, onde comparte escenario con artistas locais. Neste período xorde o terceiro disco: Sinecismo. Un álbum cun enfoque máis persoal, que aborda estilos dende o jazz ou o country, ata o blues ou o soul. Após ese lustro máis enfocado nas tarefas de composición que nos concertos, Xosé Constenla organizou dúas grandes xiras no outono de 2014 e na primavera de 2015, coincidindo xa esta última coa preparación do seu cuarto disco, Virada por Avante. 
 
DISCOGRAFÍA 
 
Quen fixo berrar o silencio, (2004) Gravado nun estudo en Santiago de Compostela. Caracterizado polo compromiso e a loita social da época. Incorpora temas inéditos compostos entre 1997 e 2004. 
 
Olladas dun entusiasta (2007-2008) Gravado nos estudos PINK (Milladoiro-Ames) e producido por Ramón Feáns 'Chiri'. 
 
Sinecismo (2013). Álbum con 16 temas (10 novos e 6 dos dous anteriores) e que abre unha perspectiva máis persoal na música do autor. Trátase dun CD gravado en directo, acompañado dun DVD e que foi produto dunha acción de crowfunding. 
 
Virada por avante (2016) Álbum con 11 temas producido por Fredi Marugán e masterizado nos Stateroom Studios.