O ciclo Concertos ao Solpor, que durante o verán organiza O Eido Dourado nas noites dos domingos, remata o día 16 coa actuación de Sumrrá, unha formación de jazz que nos últimos tempos acadou numerosos premios e participou en prestixiosos festivais ao longo do mundo.
Celso Dourado, promotor dos concertos no espazo veciño á praia da Pasada, destaca que o trío Sumrrá “foi premio Martin Códax da Música no 2014 e foi considerado o mellor grupo de jazz e músicas improvisadas. Está formado polos músicos Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo, e Lar Legido na batería. Este trío está considerado o máis innovador dentro da escena española. Dío Cándido Querol, que é un dos grandes críticos de jazz”.
O artista barreirense fixo un percorrido pola historia do grupo e salientou o seu perfil internacional: “é unha formación cunha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística nacional e ten gran proxección internacional. Pasaron por países como Bolivia, Bulgaria, Sudáfrica, Portugal ou Francia, por festivais de primeira orde como poden ser o Festival de San Juan Evangelista en Madrid, o Johannesburg Joy of Jazz en Sudáfrica, o Imaxina Sons de Vigo, o Festival de Jazz de La Paz (Bolivia), o Festival de Jazz de Alcudia, en Mallorca ou o Jazzplus Festival de Sofia, en Bulgaria”.
Dourado engadiu que “a súa formación data do 2000 e dende os seus inicios convenceu á critica e ao público cun jazz incluso inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións e a calidade dos seus integrantes. É destes grupos dos que podemos dicir que é un luxo poder escoitalos.Eu gozo da amizade de todos eles e sempre que hai un recunchiño aberto na súa programación sempre nos comunicamos para vira o Eido”.
O ciclo de verán remata este domingo no Eido Dourado, pero mirando ao futuro. “Pecho este ciclo con grande agarimo e ganas de seguir porque o éxito de todos estes Concertos ao Solpor foi realmente importante”, asegura Dourado.