O Eido Dourado continúa cos Concertos ao Solpor e o 14 de agosto acollerá a actuación de Aramat, un grupo integrado por músicos e bailarinas. Está inspirado en músicas e bailes procedentes do leste de Europa.

O Eido Dourado continúa cos Concertos ao Solpor e o 14 de agosto acollerá a actuación de Aramat, un grupo integrado por músicos e bailarinas. Está inspirado en músicas e bailes procedentes do leste de Europa.
 
O Eido Dourado continúa cos seus Concertos ao Solpor e este domingo, 14 de agosto, ofrecerá a actuación do grupo Aramat. Composto por tres músicos e tres bailarinas o seu repertorio está composto por pezas musicais e bailes procedentes do leste de Europa. A actuación dará comezo arredor das 22:00 horas.
 
Celso Dourado explicou que “este é o cuarto e penúltimo evento dos Concertos ao Solpor. É un proxecto novo que ten unha curta vida, se pode dicir que semanas. Está capitaneado pola bailarina Tamara Sánchez”.
 
O artista barreirense dixo que “o proxecto chámase Aramat e mestura música e danza. Tanto no apartado musical como na danza a inspiración é un pouco músicas do mundo, sobre todo do leste de Europa, Romanía, Bulgaria, Eslovenia, etc… É un espectáculo atrévome a dicir que case fundamentado na danza no ventre no que se refire ao baile e estará composto por tres músicos e tres bailarinas. A parte principal da danza vaina levar Tamara Sánchez”.
 
Dourado comentou que “eu vinas en Santiago hai uns días e pareceume moi interesante. Coñezo a Tamara e establecemos diálogo hai un tempo e ela mesma me chamou e me dixo que estaba traballando nun proxecto absolutamente novo acompañada doutras bailarinas. E ímolo presentar no Eido Dourado este vindeiro domingo coa caída do sol. A entrada é libre ata completar aforo como sempre”.
 
O responsable do Eido Dourado lembrou que “dispoñemos case de duascentas sillas e complétase practicamente sempre os domingos pola noite. Queda xente de pé e andamos nunha media entre duascentas e duascentas cincuenta persoas. O aforo tampouco dá para máis. A nosoutros tampouco nos gusta presentar grupos medianamente coñecidos senón aquelas propostas que consideramos innovadoras para que dado o espazo no que se desenvolve haxa unha combinación de luz, música e movemento que realmente responda ás expectativas”.
 
Cámping Gaivota
O cámping Gaivota continúa tamén coas súas actividades de verán, promovidas polo Eido Dourado, e este venres celebrará a tradicional queimada. Dará comezo ás 23:00 horas e contará coa actuación en directo do grupo Os Cascarillas.