O Goberno local do Concello de Mondoñedo dedicará un ciclo de teatro neste ano 2016 á figura da actriz Manuela Rei. Os últimos sábados de mes haberá función ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga. A alcaldesa, a popular Elena Candia, sinala que no verán se intentará que a actividade teatral se desenvolva na rúa.
No marco deste recoñecemento, que se inscribe na programación de dinamización cultural do novo equipo de Goberno, o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, presentará o 2 de abril unha revista oral dentro do proxecto Profalías na Casa da Xuventude. Esta iniciativa está coordinada por Antonio Reigosa desde a sección de Literatura oral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e recollerá información sobre a figura da actriz natural de Mondoñedo.
Unha vez gravada e editada esta peza formará parte do arquivo da AELG. Tamén se che doará unha copia ao Concello de Mondoñedo como colaborador. O patrocinio corre a cargo da área de Cultura da Deputación de Lugo, mediante un convenio asinado coa asociación.
“Con esta serie de actividades culturais o Concello pretende por en valor a figura desta mindoniense ilustre que apostou polo teatro”, explica Candia.
Manuela Rey, perfil
Nacida en Mondoñedo en 1842, a actriz tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos. Cando era unha nena pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda na que traballaba súa nai, viúva e con dez fillos. Manuela conquista aos comediantes que lle propoñen levala en adopción. Con só seis anos subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis.
Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía de teatro ambulante. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.