O Concello de Foz presentou hoxe o seu programa de proxeccións de cine Cinema no Cenima, que se levará a cabo neste mes de decembro, grazas ao apoio da Consellería de Cultura. En total proxectaranse tres películas no edificio do Cenima de Foz. A primeira será Encallados, este mesmo xoves, 11 de decembro, ás 20:30 horas. A segunda será o film francés Le Week-end, o xoves 18 de decembro ás 20:30 horas. E a terceira irá destinada aos máis pequenos e proxectarase o venres 26 de decembro ás 18:30 horas. Trátase da película de animación A tropa de trapo na selva do arco da vella. As entradas terán un custo de 3 euros e poderán adquirirse no propio Cenima de Foz dende media hora antes do inicio da proxección. Con esta iniciativa, o Concello de Foz convértese nun dos catro municipios galegos seleccionados pola Xunta de Galicia para acoller estas proxeccións de cine en concellos que non teñen salas comerciais.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que "o Concello de Foz ven de presentar o programa Cinemas de Galicia, que en Foz concretamente chámase Cinema no Cenima, posto que será no salón de actos deste edificio, na Ribeira de Foz, onde comece este xoves ás 20:30 o programa de cine que vai a levar a cabo o Concello de Foz. Ás 20:00 horas estarán abertas as portas do Cenima e ás 20:30 comezará a proxección de Encallados, unha película interesante arredor da catástrofe do Prestige; e seguiremos o seguinte xoves, 18 de decembro, tamén ás 20:30 horas, con Le Week-end, que é tamén unha das películas favoritas e máis demandada polos interesados nas redes sociais do Concello de Foz. E logo, xa o 26 de decembro, faremos unha programación para os máis pequenos, que neste caso será ás 18:30 horas, tamén no salón do Cenima. Alí proxectaremos A tropa de trapo na selva do arco da vella, unha película de animación".
O responsable municipal destacou que "con estas xornadas comezaremos neste mes de decembro co ciclo Cinema no Cenima. Unha iniciativa que vai traer cine novamente a Foz, despois dun largo tempo sen cine no noso concello, tras a desaparición dos cines Hermanos Pequenete. Por desgraza, na comarca e na Mariña soamente quedan uns cines en Ribadeo, e dende logo, ter unha oferta máis para A Mariña e para Foz, dentro da rede Cinemas de Galicia, é algo moi interesante. Por iso queremos agradecerllo á Consellería de Cultura, que financia este programa, aparte da propia recadación que poida haber pola entrada, que neste caso é a mínima esixible: tres euros para todas aquelas persoas que desexen asistir, un prezo que dende logo creo que é unha cantidade mínima para poder gozar dunha boa película, en boa compañía e nun bo salón de proxeccións. Esperamos que este xoves xa haxa moita afluencia de público e que á xente lles guste este programa de proxeccións. Por iso dende o Concello animamos a tódolos veciños a que volvan ao cine, nesta ocasión no Cenima."