O 28 de xuño arrinca unha nova edición do "Mercado dos Domingos" en Ribadeo. En 12 postos atoparemos produtos da horta local e artesáns.

O 28 de xuño arrinca unha nova edición do "Mercado dos Domingos" en Ribadeo. En 12 postos atoparemos produtos da horta local e artesáns.
 
O 28 de xuño arrinca unha nova edición do Mercado dos domingos, que organizan o Concello e a asociación A Sucadoira. En doce postos situados a carón da praza de abastos o consumidor poderá atopar produtos da horta de Ribadeo e tamén artesáns coma conservas, queixos, embutidos ou pan, entre outros. Todos os domingos ata finais de setembro terá lugar esta cita. A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, anima a acudir ao Mercado dos domingos. 
A edil nacionalista explicou que “o próximo domingo, 28 de xuño, coma cada domingo na tempada estival arrinca o Mercado dos domingos en Ribadeo traéndonos os mellores produtos da nosa horta, unha explosión de sabor e de calidade dentro do que é o local, de produtos sacados directamente da terra para poder degustalos nas nosas mesas. E a esa produción da horta tamén se lle suman os produtos artesáns como son conservas, queixos, embutidos, pan, coitelería en madeira, etc…”.
Ana Martínez dixo que “contamos cun total de 12 postos, que estarán colocados como cada ano diante da praza de abastos. Este mercado está organizado pola asociación de produtores de horta A Sucadoira e o Concello de Ribadeo. En el queremos poñer en valor achegando os produtos ao consumidor, poñendo en valor a importancia do consumo local, da economía máis próxima potenciando tamén o que é o consumo de tempada, o consumo de horta, o consumo de produtos extraídos directamente da horta”. 
A concelleira de Desenvolvemento Local engadiu que “este tradicional mercado será os domingos desde este 28 de xuño ata finais de setembro. Queremos convidar á xente a que se achegue a Ribadeo os domingos e que ademais das múltiples actividades das que poderán gozar durante o verán visiten este Mercado dos Domingos”. 
A presidenta de A Sucadoira, Ana Isabel Díaz, subliñou que os produtos que o consumidor atopará dos domingos en Ribadeo “van directamente da horta ao mercado, cando os que chegan de fora veñen de cámaras nas que pasan 7 ou 8 días, e despois de facer grandes viaxes. Si ti compras calquera produto, por exemplo xudía ou leituga que foron collidas da horta o día antes ou o mesmo día do mercado pola mañá a diferenza é clara. Son produtos moi naturais e o sabor é totalmente diferente”. 
A clientela do Mercado dos domingos foi cambiando co paso do tempo: “a maioría era xente maior, pero agora temos xente nova que lles ensina aos seus cativos a ter unha pequena horta e a que comprendan o valor de todo iso”. Ana Isabel Díaz tamén contou que “temos o problema da continuidade con este traballo, non hai xente que queira quedarse coa horta. Aquí por exemplo somos uns 30 veciños e só dúas nos quedamos na horta. A maioría da xente marchou, emigrou e algúns aínda que non teñan traballo para a horta non queren volver”.