O vindeiro luns, 17 de outubro, darán comezo os talleres e actividades lúdicas para a terceira idade, que organiza o Concello de Barreiros. Desenvolveranse no centro socio cultural Manuel Díaz Sampedro de luns a xoves de 16 a 18 horas.
Segundo explican desde o departamento de Servizos Sociais “están destinados a maiores de 65 anos, xubilados maiores de 60 ou persoas con discapacidade (que se consideren idóneas para participar na actividade) do Concello de Barreiros. Nestes talleres realizaranse actividades de aprendizaxe e festivas, coas que se pretende favorecer o proceso de envellecemento, dando a coñecer este (as súas causas, consecuencias e recursos dispoñibles para palialo) e potenciando as relacións entre os seus iguais e os veciños de Barreiros”.
As persoas interesadas en asistir, para anotarse ou para conseguir máis información pode acudir no horario da actividade ao centro socio cultural Manuel Díaz Sampedro.