A XXX edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 25 de marzo, en San Ciprián. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como protagonista.
A cita foi presentada alcalde, Alfonso Villares, o edil de Turismo, David Rodríguez, polas concelleiras de Cultura e Medio Ambiente, Dolores García Caramés e Mali Méndez, respectivamente, e por representantes da hostalería local que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.
Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Ciprián que participan na festa: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega, Maruxaina e Aquelarre. O concurso será mañá, 17 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 17:00 horas. O xurado, composto polos membros da asociación Cociñeiros Lugo, Jesús Villarino e Bruno Pena, e por Mar orosa, chef do restaurante Oviedo (Ribadeo), decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 19:00 horas na mesma Casa da Cultura.
O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. Haberá folletos informativos nos que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar, e que terán como denominador común o ourizo.
Ademais, haberá sesión vermú desde as 14:00 horas a cargo de Louband Street Band, na carpa da Praza dos Campos, que fará pasarrúas tamén á tarde xunto a Los Támega. Xa pola noite, desde as 22:30 horas a disco móbil Duendeneta amenizará a velada coa orquestra Funçao Públika na Praza dos Campos.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.