A Xunta pon a disposición da cidadanía recursos culturais online da provincia de Lugo coa campaña #ACulturaSegue.

A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón durante este período de confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en internet. Trátase de propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións da provincia de Lugo. Trátase dunha etiqueta á que o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.  

Así, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo ofrece a posibilidade de visitar de xeito telemático a exposición Pontes, postigos e pasares, na que se atopan imaxes destes elementos estruturais da provincia. Así mesmo, este arquivo permitir coñecer virtualmente  a exposición Por feiras e mercados: ver, mercar, vender..., que abrangue cronoloxicamente o período 1914-1984 en imaxes de feiras celebradas en Lugo, no Páramo, en Nadela, no Cebreiro ou en Monterroso. Outra das propostas que ofrece esta dotación cultural da Xunta é a consulta do catálogo da exposición Tempo de infancia, unha compilación de imaxes antigas que amosan os diversos ámbitos da vida cotiá dos máis pequenos noutras décadas. 

De Viladonga ao Cebreiro 
Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos fisicamente debido a crise do coronavirus, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles de xeito virtual. É o caso, por exemplo, do Museo do Castro de Viladonga, que ofrece a posibilidade de coñecer os seus fondos e de viaxar ata o propio Castro sen saír de casa. 

Así mesmo, outra das visitas dispoñibles é ás pallozas do conxunto etnográfico do Cebreiro, que garda e exhibe unha interesante colección formada por apeiros de labranza e diversas mostras do mundo agropecuario e doméstico da alta montaña oriental lucense.  

As catedrais da provincia tamén están ao alcance, con rutas en 360º a través de Turismo de Galicia, onde é posible pasear pola Catedral de Lugo, con ampla información sobre o templo, así como sobre o seu museo, ao igual que a Catedral de Mondoñedo. Pola súa banda, o mosteiro de San Xulián de Samos pon á disposición da cidadanía pinceladas da súa historia así como do seu arquivo e biblioteca a través dunha visita virtual, e aínda se poden visitar outros moitos como o Mosteiro de San Estevo de Ribas de Miño, San Salvador de Lourenzá ou San Francisco, en Lugo. 

Máis de 4.500 títulos dispoñibles
A Biblioteca Pública de Lugo tamén está a participar na campaña #aculturasegue a través das súas redes sociais cunha ampla actividade. As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continúan a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico. A través deste sistema pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega. 

Estrea da Bibliografía Xacobea
Como novidade para todas as persoas de Lugo curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. 

Medrar en galego
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos. Así mesmo, dispón de audiovisuais e recursos que se poden empregar para un mellor coñecemento, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.

#aculturasegue
A iniciativa #aculturasegue pretende recoñecer, no medio desta difícil situación, o papel sobresaínte que os nosos creadores, axentes e dotacións culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar, que propicien a consolidación de bos hábitos e prácticas culturais.