O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión por videoconferencia cos patróns maiores das confrarías da Mariña lucense. A iniciativa tiña por obxecto poñerse a disposición dos profesionais do mar, como se ten feito desde o inicio da crise sanitaria, e trasladarlles unha serie de iniciativas en apoio do sector promovidas pola administración autonómica.
A máis novidosa é a posta en marcha dunha campaña para animar á cidadanía a consumir produtos do mar e impulsar os seus prezos durante a crise do coronavirus. A iniciativa está presente nos puntos de venda das principais distribuidoras a través de material repartido pola Consellería do Mar, que destina aos establecementos un total de 7.000 carteis, 7.000 vinilos e 24.000 letreiros promocionais que estarán expostos nos lugares de compra dos produtos do mar.
Nestes materiais anímase a adquirir produtos pesqueiros que achegan, entre outros beneficios saudables, a vitamina D necesaria na dieta e tamén promove apoiar o importante esforzo que están a facer os profesionais do mar no escenario actual como parte do traballo esencial para asegurar o abastecemento de alimentos de calidade á sociedade.
Seguridade, hixiene e saúde
A esta accións no ámbito promocional sumáronse ás recomendacións de seguridade e hixiene remitidas pola Xunta ás lonxas, á frota e ao marisqueo, así como aos elementos de protección distribuídos nos distintos portos da bisbarra para o seu uso polos profesionais da pesca, do marisqueo, das lonxas e do sector bateeiro co obxectivo de evitar contaxios e de favorecer o mantemento da actividade con garantías tanto durante a crise como no futuro.
No ámbito sanitario, Balseiro avanzou que Xunta e Goberno central avanzan no deseño dun protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus en buques nacionais. Para o Goberno galego, que sempre reclamou esta ferramenta é indispensable que canto antes exista un documento que ofreza certezas ao sector e estableza os pasos concretos a dar en caso dun positivo por Covid-19.
Neste mesmo ámbito a Xunta pide ao Goberno central que analice a posibilidade de aplicar de xeito flexible as directrices sobre a realización das probas de diagnóstico a tripulantes de buques de altura e gran altura que realizan mareas de máis de 10 días e carecen de atención médica especializada inmediata, así como tamén a posibilidade de axilizar as probas previas aos embarques, por exemplo, a través dos recoñecementos médicos do ISM.